Dende esta semana Escola Infantil Municipal de Outes conta cunha nova aula dende a que se pon a disposición das familias un total de 41 prazas. Nestas festa de Entroido incorporáronse o novo alumnado usuario da aula, polo que se chega aos 36 nenos matriculados e se libera a listaxe de agarda de solicitantes. O Concello salientou os esforzos despregados para acadar este novo servizo: “Seguimos apostando por dotar a Outes de servizos para as familias novas e facémolo con recursos fundamentalmente municipais”.

Como lembraremos a escola é unha das novas infraestruturas educativas coas que conta a nosa comarca neste inicio de do curso 2023-2024.
Situada nas instalacións do antigo colexio vello do Cruceiro de Roo, este novo centro representa en palabras do Concello “un paso adiante para a mellora da conciliación no noso municipio”. Así se expresou o alcalde, Manuel González, na apertura formal do inmóbel, en inverno do ano pasado.
O centro foi posíbel grazas ao traballo conxunto do Goberno local, a Deputación da Coruña e o Executivo autonómico, que achegou unha axuda de 62.000 euros para a materialización do proxecto na sede do antigo CEIP Emilio de Navasqües (Cruceiro de Roo).
A rehabilitación do edificio significou un investimento de máis de 400 mil euros, con fondos procedentes da Xunta, a Deputación da Coruña e do propio Concello.




