Aprobada a rianxeira Conta Xeral 2018

17 Xaneiro 2020

A Conta Xeral 2018 de Rianxo foi levada a pleno extraordinario na tarde de onte. Segundo explicou o concelleiro de Facenda, Tobías Betanzos, o documento foi elaborado polos servizos de intervención para, posteriormente, ser posta a disposición desde a Alcaldía, vista pola comisión especial de Contas e exposta a público. O edil apuntou que foi “un indicador importante do período que estivo marcado por decisións importantes e ambiciosas, no sentido de atender demandas importantes e moi sentidas. E iso foi posible por unha situación económica que facilitou emprender eses obxectivos tan ambiciosos.” Razón pola cal avogou por continuar cunha “xestión económica útil.”

A representante de Ciudadanos, Sara Resúa, indicou que o seu voto favorable se fundamentaría en que “debido ao importante atraso, pode supoñer a non concesión de varias subvencións e creo que non estamos agora mesmo para perder nada.”

O voceiro de Rianxo en Común, Julián Bustelo, manifestou que as cifras e partidas que se recollen na Conta “difiren un pouco da proposta de orzamentos para o 2019.” Engadiu que “pon de manifesto unha serie de problemas que vimos arrastrando nos últimos anos e que, paradoxicamente, semella que se agravaron desde que temos un goberno máis amplo e que conta con maioría neste pleno.” Bustelo tamén expuxo que os pasos dados ata a actualidade “é un novo treito na andaina que iniciaron nesta lexislatura e que se caracteriza polo incumprimento dos prazos e procedementos propios dos trámites desta institución, así como pola perpetuación dunha certa incapacidade para sacar adiante proxectos fundamentais para o noso municipio e que, ano noso entender, levan demasiado tempo paralizados.”

Ao reproche sobre os prazos uniuse o portavoz do PP, Germán Allut.

Pola súa parte, a socialista María del Carmen Figueira expresou que “o trámite é verdade que vai retrasado, é verdade que temos que intentar cumprir os prazos”, polo que “entre todos nós teremos que buscarlle a solución e ver dentro das críticas que poida haber.”

O alcalde Adolfo Muíños sinalou que a Conta Xeral é “un trámite basicamente administrativo, onde non se está dando apoio a unha xestión”, ademais de precisar que “non se alcuma de algunha maneira de incapaz con quen queres establecer algún tipo de lazo.” Así mesmo, o rexedor asegurou que son moitas as Administracións locais que se atopan con dificultades en ter algunhas materias “en tempo.” Unha situación que se debe, tal e como puntualizou, á “moitísima carga de información” sobre o persoal municipal en asuntos que non teñen que ver co Concello, senón procedentes doutras institucións. Neste senso, desexou que se tomen medidas noutros niveis para corrixir iso e “poder darlle a volta a esa situación” porque “senón, efectivamente, está habendo moitísimas dificultades e non ten que ver coa decisión do goberno.”

A cuestión saíu adiante cos votos a favor de BNG, PSdeG-PSOE e Ciudadanos, absténdose PP e Rianxo en Común.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...