
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, estivo este sábado 7 de novembro en Rianxo, onde pediu “dar toda a confianza ao BNG” e lograr así “un BNG máis forte para facer valer a Galiza e defender os seus intereses con maior determinación”. Puxo en valor o traballo feito que “é a mellor garantía de futuro. Temos unha bagaxe que nos respalda porque cumprimos”.
O cabeza de lista pola Coruña declarou que o BNG “cumpriu co pobo galego” e que “fomos os únicos que negociamos un acordo centrado en exclusiva nas necesidades da Galiza en infraestruturas ferroviarias, viarias, nos fondos de dependencia, na quita da débeda, nos sectores produtivos, na memoria democrática ou na lingua, destacando o estudo para as cercanías, a mellora e modernización da rede ferroviaria, as bonificacións da AP-9 e AP-53, a suba das pensións mínimas e non contributivas, a transferencia da AP-9, entre outras moitas”.
Salientou a utilidade do BNG na defensa dos intereses da Galiza, no impulso de políticas sociais e democráticas e en ser un “dique de contención fronte ao bloque reaccionario de dereita e ultra dereita”. Tamén ontrastou a fidelidade do BNG coa Galiza coas demais forzas políticas sinalando que “nestes días, escoitaredes ás forzas políticas estatais prometendo o que após do 29N non fan. En canto entran no Congreso, adeus Galiza”.
Rego mencionou a preocupación do BNG co sector da pesca e do marisqueo: “Nunha comarca pesqueira como esta tedes que saber que só o BNG primou os intereses pesqueiros cando demandamos a anulación das 87 vedas da UE, exiximos un novo Aaordo pesqueiro con Mauritania, máis cotas da sardiña ou a realización dun estudo para a investigación da perda de produtividade das nosas rías”. Lembrou que “a pesca é un sector estratéxico na economía galega, dela dependen moitos empregos e economías costeiras como a de Rianxo” e “sabemos as dificultades polas que atravesa o sector, agora asolagado pola suba do gasóleo. Os noso barcos non poden saír faenar a perdas, por iso pedimos a prórroga das axudas e o seu incremento”, dixo.
A candidata número 2 pola Coruña, Rosana Pérez, afirmou que o BNG vai deixar fóra a Vox nesta circunscrición: “Que tomen boa nota do meu nome, vou ser a próxima deputada do BNG pola Coruña”, resaltando a importancia de termos “deputados e deputadas do BNG en Madrid, que exercen de galegos e de galegas”.
Neste sentido, destacou “o traballo social do BNG nas Cortes para revalorizar as pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC, sabedores de que as pensións na Galiza son as segundas máis baixas do Estado”, e destacou “o traballo feito en defensa do noso sector pesqueiro, con especial mención á problemática coas irrisorias cotas de sardiña e a necesidade de modificar o Convenio con Portugal”. E engadiu: “Somos os únicos de todo o Estado español que temos un problema coas cotas da sardiña e iso non o leva ninguén ao Parlamento español se non é o BNG”.
Respecto da enerxía eólica comentou o seguinte: “Temos os montes cheos de parques eólicos para subministrar a Madrid, onde non hai nin un só muíño. Veñen, sobreexplotan os nosos recursos, e levan a enerxía para alimentar a ese grande buraco de consumo que é Madrid. Aquí deixan a desfeita, o impacto ambiental e socio económico e ningunha compensación. Nin sequera temos a factura da luz máis barata” e emprazou a “acabar co espolio dos nosos recursos”.
Asemade mencionou “a bomba que querían implantar no corazón da Galiza, en Palas de Rei coa planta de celulosa de Altri. Unha bomba que explotaría na mesma ría de Arousa, que afectaría ás augas do Ulla, e toda esa toxicidade augas abaixo até a ría. Xusto o que nos faltaba nunhas rías xa doentes pola Mudanza Climática”, en alusión ás toneladas de bivalvos mortos que se rexistraron nos primeiros meses do ano polo efecto dos temporais e a perda de salinidade. Alertou a non baixar a “garda co tema de Altri porque poden vir coa segunda parte”.



