A ABE anuncia os gañadores dos Premios á Excelencia Empresarial 2026, que baten o récord histórico de participación

09 Novembro 2026
Fotos de arquivo da anterior edición dos premios

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) vén de anunciar os gañadores da edición 2026 dos Premios ABE á Excelencia Empresarial, uns recoñecementos que distinguen o traballo, a traxectoria e a contribución das empresas ao desenvolvemento económico e social de Boiro.

Nesta edición, os premios recoñecen a Panadería Ourille, na categoría de Mellor Comercio; Mascolor Comunicación, na de Mellor Empresa; e Gerardo Triñanes, que recibirá o Premio de Honra ABE 2026. A convocatoria acadou ademais “unha participación histórica”, en palabras da ABE, con 77 empresas votantes e 902 votos emitidos.

Panadería Ourille, Mellor Comercio

O recoñecemento ao Mellor Comercio foi para Panadería Ourille, o establecemento situado na avenida da Constitución. O seu proxecto destaca “pola combinación da tradición panadeira e a elaboración artesanal”, informou a ABE, engadindo que “con máis de corenta anos de experiencia no sector, Manuel Ourille tomou o relevo do negocio familiar que os seus pais fundaran en Lousame nos anos sesenta; e tralo peche daquela actividade, decidiu emprender unha nova etapa en Boiro, recuperando o oficio de toda a vida e incorporando novas fórmulas de traballo”.

A utilización de fariñas autóctonas, a masa nai de longa fermentación e os procesos manuais son algunhas das características dunha proposta que combina o respecto pola tradición coa evolución constante do produto e dos métodos de elaboración.

Mascolor Comunicación, Mellor Empresa

O premio ao Mellor Empresa recaeu en Mascolor Comunicación, empresa boirense especializada en branding, deseño gráfico, impresión e comunicación visual.

Con Javier Caamaño ao fronte, Mascolor desenvolve solucións integrais de imaxe e comunicación para empresas, establecementos e institucións. Os seus traballos abranguen desde a creación e renovación de marcas, o deseño de identidades corporativas e a elaboración de material gráfico ata a impresión dixital, offset e de gran formato.

A ABE informou que a empresa destaca tamén pola “súa especialización en rotulado e comunicación visual, con proxectos de decoración de espazos comerciais, sinalética, vinilos, rótulos, letras corpóreas e personalización de diferentes soportes; unha actividade na que combina creatividade, coñecemento técnico e capacidade de produción para ofrecer solucións adaptadas ás necesidades de cada cliente”.

Gerardo Triñanes, Premio de Honra ABE 2026

O Premio de Honra ABE 2026 foi concedido a Gerardo Triñanes, en recoñecemento a unha vida dedicada á empresa, á conservación da carpintería de ribeira e á participación na vida asociativa de Boiro.

Gerardo Triñanes iniciou a súa traxectoria profesional en 1983, con tan só 21 anos, incorporándose ao estaleiro de carpintería de ribeira que o seu pai, José Triñanes, fundara en Ladeira-Chazo en 1977. Desde entón dedicou máis de catro décadas a manter viva unha actividade artesanal profundamente vinculada á historia, á cultura e á identidade mariñeira da contorna.

Así resume a ABE a súa traxectoria: “Á fronte de Astilleros Triñanes, soubo combinar o respecto polas técnicas tradicionais aprendidas do seu pai coa incorporación de novas tecnoloxías e materiais, adaptándose aos cambios do sector e ás dificultades dunha actividade cada vez máis ameazada pola falta de demanda de embarcacións de madeira”. Durante esta etapa chegou a contar cun equipo de 16 profesionais, contribuíndo tamén á formación e á transmisión dos coñecementos propios da carpintería de ribeira.

A súa traxectoria empresarial estivo sempre acompañada dunha intensa participación na vida asociativa e social de Boiro. Foi presidente da Asociación Boirense de Empresas e participou activamente en diferentes colectivos veciñais, deportivos, ambientais e de defensa do patrimonio marítimo.

Mesmo trala recente venda do estaleiro e a súa xubilación, “mantén o compromiso coa conservación deste legado, traballando na posibilidade de crear unha fundación que permita catalogar, preservar e transmitir a historia e o patrimonio de Astilleros Triñanes”, destacou a ABE.

A directiva da entidade boirense acordou por unanimidade concederlle este recoñecemento “pola súa longa traxectoria empresarial, a súa contribución á conservación dun oficio tradicional, a súa capacidade de innovación e adaptación, o seu labor como transmisor de coñecementos e o seu compromiso co asociacionismo empresarial e coa comunidade”.

Récord histórico de participación

A edición de 2026 acadou as cifras de participación máis elevadas da historia dos Premios ABE, con 77 empresas votantes e un total de 902 votos emitidos.

A implicación dos asociados tamén se reflicte na amplitude da participación: 61 comercios distintos recibiron votos e 75 empresas foron obxecto de votación nas diferentes categorías. Sobre este punto, a ABE sinalou que “os resultados estiveron moi axustados, o que evidencia o elevado nivel e a diversidade do tecido empresarial de Boiro, así como a dificultade de escoller entre tantos negocios que merecen ser recoñecidos”.

Desde a ABE valórase especialmente “esta resposta dos asociados, que converte os premios nunha iniciativa colectiva na que o propio tecido empresarial recoñece o traballo, o esforzo e a traxectoria dos seus compañeiros”.

A gala celebrarase o 20 de novembro

A gala de entrega dos Premios ABE á Excelencia Empresarial 2026 terá lugar o venres 20 de novembro na Pousada da Galiza Imaxinaria, en Boiro. Será unha noite de encontro e celebración do empresariado local.

O acceso ao evento será mediante convite físico e con control na entrada. Os convites serán exclusivos para as empresas asociadas á ABE e poderán solicitarse a partir do luns 9 de novembro, ata completar o aforo dispoñíbel.

A Asociación Boirense de Empresas felicitou de antemán as empresas e persoas premiadas e agradeceu a todos os asociados a súa participación e implicación nesta edición.

Outros artigos

A Mostra de Curtas de Noia acolleu a estrea de El crimen de Pazos

O Coliseo Noela de Noia, no marco da edición 2026 (a XXVII) da Mostra de Curtas, acolleu este sábado 7 de novembro (ás 20.30 horas) a estrea de El crimen de Pazos, a nova miniserie de Bambú Producciones, que chegará á plataforma de contidos streaming Netflix esta...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.