
A velada de Londres, a produción coa que a plataforma creativa ButacaZero rende tributo ao dramaturgo, actor e docente Manuel Lourenzo (1943-2025), afronta a última tríade de funcións da súa xira. A montaxe, dirixida por Xavier Castiñeira, visitará nas próximas semanas tres escenarios das provincias de Lugo e da Coruña: a Sala Bahía de Foz (venres 27 de novembro), o Teatro Coliseo Noela de Noia (sábado 5 de decembro) e a Casa da Cultura de Cee (sábado 12 de decembro).
Estreada o pasado 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a peza percorreu durante o outono os escenarios de Muros, As Pontes e Vigo, onde o Auditorio Municipal colgou o cartel de entradas esgotadas. Con estas tres últimas datas, a homenaxe ao mestre do teatro galego chega á Mariña -a poucos quilómetros do Valadouro, terra natal de Lourenzo-, á comarca de Noia e á Costa da Morte.

A compañía liderada pola rianxeira Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira adéntrase con esta montaxe, por vez primeira, no universo de Lourenzo. Faino cun texto incluído no volume Veladas indecentes, co que o autor se converteu en 1997 no primeiro dramaturgo galego en gañar o Premio Nacional de Literatura Dramática.
En A velada de Londres, Lourenzo propón unha orixinal farsa e fantasía arredor do Drácula de Bram Stoker. A trama parte do regreso do procurador Jonathan Harker á súa vida burguesa tras a viaxe aos Cárpatos, obsesionado pola figura do Conde. A súa esposa, Mina, tenta protexelo, pero a chegada dun misterioso doutor -que resulta ser o propio Drácula- desencadea un proceso no que o mundo sobrenatural vai desprazando a ríxida moral vitoriana. Lonxe do terror convencional, a proposta explora a tensión entre a razón e os instintos e entende a “vampirización” como un acto de amor, liberación e aceptación do desexo.
Cunha duración dunha hora, a posta en escena acompaña esa transformación: a estética vitoriana vaise alterando a medida que a natureza e o elemento atávico se apoderan do espazo. O elenco combina a traxectoria de Xurxo Cortázar (Iribarne, Shakespeare en Roma, O Premio) co pulo de Sophia Rodal e Teo Piñeiro, fiel ao compromiso de Lourenzo co talento mozo. Completa o reparto a soprano e violonchelista noiesa Esperanza Mara, que interpreta en directo a banda sonora orixinal de Iago Hermo e intervén na acción dramática, o que converte cada función nunha velada teatral, mais tamén musical.
Como en cada parada da xira, o público que acuda ao teatro poderá visitar no vestíbulo a exposición didáctica Manuel Lourenzo. A pegada que continúa. A mostra informativa, composta por seis paneis, foi concibida por Xavier Castiñeira coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e os fondos da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.



