O arresto produciuse este venres ao mediodía na rúa San Roque sen que se rexistrasen incidentes, facéndose cargo posteriormente a Garda Civil das dilixencias.

Axentes da Policía Local da Pobra do Caramiñal procederon este venres, 20 de novembro, á detención dunha persoa que tiña vixente unha orde xudicial de ingreso en prisión.
A intervención policial tivo lugar arredor das 14:30 horas na rúa San Roque, punto no que a patrulla localizou a persoa requirida. O mandamento fora emitido polo xulgado do Penal correspondente despois de que a persoa afectada non se presentase de maneira voluntaria no centro penitenciario dentro do prazo estipulado.
Segundo fontes municipais, o operativo desenvolveuse con total normalidade e sen incidentes, xa que non houbo resistencia no momento do arresto. Tras proceder á detención, os axentes informaron a persoa dos dereitos que lle asisten segundo a lexislación vixente.
A continuación, foi trasladada ás dependencias da Garda Civil da Pobra do Caramiñal, corpo que asumiu a instrución das dilixencias e os trámites pertinentes para executar o requirimento xudicial.
Desde o Concello da Pobra salientan que esta actuación enmárcase no labor ordinario de vixilancia da Policía Local e pon de relevo a estreita coordinación existente entre as distintas forzas e corpos de seguridade para garantir o cumprimento das resolucións xudiciais no municipio.



