
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Outes, Francisco Calo Abelleira, asinaron un convenio de colaboración para renovar o pavimento de varias vías municipais en Vilar de Outes, Fontelos e Áspera. As obras contan cun orzamento de 130.000 euros, dos que a Deputación achegará 104.000 e o Concello, os 26.000 restantes.
Segundo informaron, a intervención de maior lonxitude levarase a cabo en Fontelos, onde se renovará o firme dunha vía de 500 metros de longo e catro de ancho. Os traballos incluirán a reparación das fochancas e a posterior aplicación dunha capa de aglomerado en quente de seis centímetros de espesor. A mesma solución empregarase nun treito de 140 metros da vía que comunica Áspera coa estrada AC-550 polo Oasis.
En Vilar de Outes, as obras abranguen catro treitos que suman 205 metros. Neste núcleo colocarase un pavimento de formigón de 15 centímetros de espesor sobre unha base de grava compactada, con franxas lonxitudinais e transversais de lastras.
As actuacións responden ao deterioro do firme que presentan actualmente estas estradas municipais. A súa renovación mellorará a seguridade da veciñanza que se despraza a pé e facilitará o acceso do transporte escolar e dos vehículos que trasladan as persoas usuarias do centro de día.




