
O músico, compositor e director de orquestra galego Xandre Millet vén de acadar un importante recoñecemento académico ao obter a Matrícula de Honra nos seus estudos de Instrumentos de Púa no Conservatorio Arturo Soria de Madrid. Este resultado recoñece a excelencia do seu traballo académico e supón un fito na súa traxectoria formativa.
Este logro sitúao como o primeiro galego en titularse na especialidade de Instrumentos de Púa, unha formación centrada en instrumentos como a bandurria, a mandolina e o laúde, cunha longa tradición musical e un importante potencial artístico e interpretativo.
A súa traxectoria dará un novo paso o próximo 25 de novembro, cando actuará como solista no Auditorio Nacional de Música de Madrid, un dos escenarios de referencia da música no ámbito estatal. Durante esa mesma xornada recibirá tamén unha distinción, nunha cita especialmente significativa para a súa carreira artística.
Segundo reflicte o músico, esta actuación supón unha oportunidade para dar visibilidade aos instrumentos de púa nun dos principais escenarios musicais do país, reivindicando o seu valor artístico e a súa presenza no panorama musical actual. Ao mesmo tempo, “representa a oportunidade de levar o nome de Ribeira e de Galicia a un espazo de referencia para a música”, salienta.
A formación de Millet abrangue diferentes ámbitos da música, desde a interpretación ata a composición e a dirección de orquestra. Ao longo da súa traxectoria desenvolveu unha intensa actividade artística e pedagóxica, á fronte da Orquestra Sons e vinculado á Asociación Musical Sons do Mar, desde onde traballa na difusión da música e na formación de novas xeracións de músicos.
O seu labor céntrase tamén na creación de repertorio propio e na promoción dos instrumentos de púa, contribuíndo a ampliar as súas posibilidades interpretativas e a achegalos a novos públicos e espazos escénicos.
Xandre Millet é músico, compositor, intérprete e director de orquestra galego, natural de Ribeira. Fundador e director da Orquestra Sons, combina a actividade artística coa docencia e coa creación de repertorio propio, cunha especial dedicación aos instrumentos de púa e á súa proxección musical e cultural.



