Estaban todos apañando patacas, alí onde moitas veces o fixeron, na Cortiña, naquela terra de
sementeira, ao pé da casa, mesmo detrás da figueira e da maceira, na que se agocha e dorme unha
galiña branca que abandonou o galiñeiro. Foi unha tarde de lembranzas, de recordos e patacas que
saían da terra con máis brío que a auga da fonte medio seca, como nunca se vira. A auga
desaparecida como os anacos de patacas sementadas, escondidas na terra da Cortiña, con moito
esplendor na rama, pero ocultas nas entrañas da leira, agardando seren aireadas.
O maxín de toda aquela xente, toda con pregarias para que non chovera, era como un retrovisor
para ver outros tempos, para rescatar a memoria e ver as vivencias de anos pasados. Uns contaban
moitas, outros dicían que eran poucas e, a máis sensata de todas as participantes naquela recolleita,
aseveraba que eran dabondo, moitas para recoller e, aínda sendo pequenas, suficientes para comer.
Nun instante de respiro, como se o mundo se parara, aparece coas mans lavadas a persoa encargada
de facer a cea, de cocer as patacas, e, pola cabeza de cada un dos presentes, pasou rastreando o
poema de Pablo Neruda, que fala da “papa”, como materia doce, améndoa da terra: “[…] /Universal
delicia, no esperabas mi canto, / porque eres sorda y ciega y enterrada. / Apenas si hablas en el
infierno del aceite / o cantas en las freiduras de los puertos, / cerca de las guitarras, silenciosa,
harina de la noche subterránea, / tesoro interminable de los pueblos. […]”
Un tesouro para apartar á xente humilde da fame, como dicia Juan Martínez Villergas, “[…] / Furioso,
lánzome a elas, / frías, asadas, con arroz, quentes; / xa guisadas, xa en pisto, / pero en tortilla, ai
Cristo!, / fanme de gusto tatexar os dentes. / […]”.
Recordaban tantas cousa aqueles apañadores e apañadoras de patacas, como se detrás desas
lembranzas houbera un mundo enteiro. E habíao. Existía un ou varios mundos concatenados polo
mango da sacha, unidos á terra, ás cereixas, ás patacas, ás verzas, ás castañas e aos nabos da terra,
que deben sementarse mesmo ao recoller as patacas, antes de marchar con elas para o soto e antes
de beber a cervexa da robra. Como recorda a Tía Manuela, e os lectores deste xornal saben, “para
recoller, primeiro hai que sementar”.
O Consorcio adxudica por preto de 165.000 euros a mellora da envolvente do Pazo de Bendaña
O Consorcio de Santiago vén de adxudicar á empresa CYS Hispania, S.L. as obras destinadas ao mantemento da cuberta e da fachada do Pazo de Bendaña, emblemático inmoble situado en pleno casco histórico compostelán e que alberga na actualidade a sede e o espazo...



