Ángel González ten un fermoso poema titulado «Inventario de lugares propicios al amor». Hoxe, na vertixe desta época, seguimos a precisar ese percorrido do poeta ovetense, e quizais algúns máis: un sobre os lugares propicios para a lentitude; outro, sen dúbida, para os silencios.
Quedan poucos espazos proclives a iso, para os silencios, mesmo alí onde o prescriben as ordenanzas coma os hospitais ou eses vagóns especiais do AVE. Hai certo tempo, os sufridos pasaxeiros de Renfe que alí ocupamos praza padecemos non unha, senón dúas chamadas telefónicas á vez por parte de sendos usuarios que acabaron convertendo aquel espazo reservado para a tranquilidade nunha agresiva conversa en estéreo. O revisor dixo que só podía solicitar que apagasen o móbil, pero que non era posíbel esixirlles a obriga: o cumprimento dependía da educación de cada quen.
Nada disto é manía de xente delicada. A Axencia Europea de Medio Ambiente calcula que un de cada cinco europeos vive exposto a un ruído de tráfico por riba dos límites daniños, e España está entre os países onde máis xente se queixa de sufrir ruído excesivo.
Quedan, por fortuna, algúns lugares para o silencio. Os sábados pola tarde, na libraría Bandini, de Bertamiráns, un grupo de adultos xúntase para ler calados durante unha hora, cunha única norma: o teléfono ten que estar en modo avión; despois da lectura, quen quere, pode conversar ante unha cunca de café. A fórmula naceu en San Francisco e hoxe estes clubs de lectura silenciosa conforman máis de dous mil grupos repartidos en librarías e locais de sesenta países. O pasado 27 de setembro, como prólogo da SELIC, a Semana do Libro de Compostela, arredor de medio cento de persoas sentáronse a ler en silencio baixo os soportais do Obradoiro. Só quen quería se achegaba a un micro alí posto para ler en voz alta un parágrafo que era respectuosamente escoitado. Resultaba moi especial, explicaba unha das lectoras, «poder compartir un momento de soidade, como é a lectura, con máis persoas que están facendo o mesmo».
Fóra dese calendario, o inventario de lugares propicios para o silencio é moi curto. Quedan aquelas bibliotecas que teñen resistido a se converter en espazos de obradoiros e balbordo. Tamén algunhas igrexas, as máis pequenas e menos coñecidas, nesas horas da tarde nas que non hai oficio litúrxico e se esquivan os turistas.
En realidade, calquera lugar serve, se entendemos que o que estamos a buscar a través do silencio é estar a soas cun mesmo. Non é casual que o teatro, a música ou a lectura o reclamen: sen el non hai atención. O silencio, en cambio, non produce nada que se poida vender: só nos devolve a capacidade de decidir a que lle prestamos interese. Que iso se busque xuntándose con outros só é un paradoxo en aparencia: na casa, a soidade interrómpena as tarefas, a familia, o móbil; entre descoñecidos que se comprometen a calar, queda protexida. A soidade tamén precisa dos demais, aínda que sexa para que a respecten.
Ángel González remataba o seu inventario sen moitas esperanzas, aferrado ao recurso de andar só. Pascal Quignard fai dicir a un personaxe de As solidariedades misteriosas que adora «esas grandes praias de silencio nas que só me pertenzo a min mesma». Eu aínda confío en calas máis pequenas e máis próximas: calquera recuncho quedo onde pasar as páxinas. Sigo a buscar máis refuxios coma ese antes de que o ruído nos obrigue a escapar de todo.



