O Concello de Padrón continúa reforzando os seus Servizos Sociais co obxectivo de “ofrecer unha atención máis próxima, áxil e adaptada ás necesidades da veciñanza”. Para iso, solicitou á Deputación da Coruña dúas subvencións que permitirán consolidar o persoal municipal e financiar diferentes recursos dirixidos ás persoas que se atopan en situación de vulnerabilidade.
A través do Fondo de Financiamento dos Servizos Sociais Comunitarios Municipais, coñecido como FOPPSS, financiarase a contratación de dúas auxiliares, dunha técnica de intervención familiar e da coordinadora municipal de voluntariado. “Estes postos resultan fundamentais para acompañar as familias, atender as necesidades sociais e coordinar os programas de apoio e participación cidadá que se desenvolven no municipio”, informou o Concello, engadindo que a subvención “contribuirá tamén ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar de libre concorrencia”.

Dende o Consistorio salientan tamén que “este recurso permite que persoas maiores, con dificultades de autonomía ou que precisan apoio para realizar as actividades cotiás, poidan continuar vivindo na súa casa e na súa contorna habitual, recibindo unha atención profesional e personalizada”.
Pola súa parte, o POS+ Social de 2026 permitirá “financiar as axudas municipais de emerxencia social, destinadas a dar resposta a necesidades básicas e a situacións imprevistas que afectan ás persoas e ás familias con maiores dificultades económicas”.
O programa provincial apoiará tamén a continuidade de Conquistando Babel, unha iniciativa de intermediación cultural a desenvolver entre os meses de setembro e decembro para facilitar a integración, a convivencia e o achegamento das persoas migrantes aos recursos municipais. A esta actuación súmase un programa de asesoramento que lles ofrece acompañamento durante todo o ano 2026.
Ademais, o financiamento permitirá adquirir reloxos de apoio e seguridade destinados ao persoal do Servizo de Axuda no Fogar. Estes dispositivos contribuirán a reforzar a protección das profesionais tanto durante os seus desprazamentos como no desenvolvemento da atención que prestan nos domicilios, incorporando unha medida adicional de seguridade ao seu traballo diario.



