CONGALSA presentou no SIAL París (Francia) unha selección de especialidades orientadas ao público profesional

28 Outubro 2026
Diana Jamardo e Hugo Garrido, membros do departamento de exportación de CONGALSA, no espazo expositor da feira parisiense.

A empresa CONGALSA fixo balance da súa importante presenza no salón internacional de empresas de alimentación SIAL París, onde foi quen de atraer a máis de 50 clientes que tiveron ocasión de coñecer en detalle diferentes produtos que a compañía dirixe ao público profesional a través da súa marca Ibercook Food Service, caracterizada por solucións que combinan “sabor e practicidade”.

“Esta feira foi especialmente relevante para nós tanto pola importancia que concedemos ao mercado francés, como mercado de exportación prioritario, como pola capacidade da cita para reunir aos principais representantes do sector”, sinalou o director Comercial e Marketing da compañía da Pobra do Caramiñal, José Ramón Núñez.

Distribuidores, compradores e comerciais de diversas partes do mundo visitaron este salón especializado no que CONGALSA puxo en valor os lagostinos crunchy, os rolos e minirroliños de primavera ou os nuggets de pescada rebozados con panko, así como a ampla gama de referencias elaboradas con diferentes materias primas que conforman o catálogo comercial de Ibercook Food Service.

Catálogo de produtos e algunhas das referencias presentadas no foro

A da capital francesa é a última das grandes feiras de referencia do ámbito alimentario nas que CONGALSA participou este ano. Para iso desprazou ata este salón alimentario a membros do seu departamento de exportación. O espazo expositor da empresa do Barbanza estivo emprazado nunha das dúas grandes áreas sectoriais que o ICEX habilitou no recinto feiral París Nord Villepinte para as máis de 160 empresas de alimentación do país que participaron no foro.

A empresa acode con asiduidade a diferentes foros alimentarios do continente como a Seafood Expo Global de Barcelona, a feira Anuga de Colonia (Alemaña), o salón PLMA de Ámsterdam (Países Baixos) ou a feira Conxemar de Vigo. “A nosa participación é fundamental para coñecer as tendencias do sector, establecer contactos comerciais de interese e identificar oportunidades de negocio en mercados estratéxicos”, destacou Núñez.

Sobre SIAL París

SIAL París é unha das feiras de alimentación dirixidas ao público profesional máis relevantes do mundo e a súa celebración é bienal. Na pasada edición, entre o 17 e 21 de outubro, participaron uns 8.000 expositores que presentaron os seus produtos máis emblemáticos e novidades máis recentes a preto de 300.000 profesionais de máis de 200 países.

Outros artigos

O Curro (Noia) acolle este sábado unha nova foliada aberta

Noia vai celebrar o remate do mes de outubro cunha nova Foliada no Curro, coincidindo co último sábado do mes e, tamén, coa festividade do Samaín. Desta volta a xuntanza (aberta, festeira e participativa) terá formato de Foliada da Arada, e dará comezo ás 18.30 na...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.