
ADIVIÑA NÚMERO DOUS
.
. adiviña adiviña,
. o que será que vén sendo é?
.
. é unha sobrante
. desbotada entre a compra dun billete barato
. e a publicación dunha historia
. que caduca
. á hora da seguinte historia.
.
. é un rañolas co ventre parleiro,
. guiado polo Sacaúntos,
. suspendido dos fíos que chían
. ceros e uns
. nunha tramoia invisible
. de ecuacións, de cores e de arrolos.
.
. (
. primeiro era o estar.
. logo era o ter.
. agora…
. o só parecer.
.
. a chuvia non molla o rostro,
. escorrega pola pantalla dun teléfono,
. e camiñar xa non é sentir a humidade do musgo,
. dos fieitos, das follas
. a pingar,
. senón rexistrar os pasos
. nun trasto
. que verifica dez mil sancadas ao día,
. mentres a delicada notificación
. peta outra vez.
.
. sempre hai un decorado para o viaxeiro con fatiga,
. unha película que pagamos a prazos,
. mentres acolá ao fondo
. a redeira migrada
. cambia as sabas do piso turístico,
. mirando ao chan,
. mirando ao chan.
. )
.
. é o orgullo de servir á precariedade,
. de traballar, si,
. para quen te calcula.
.
. é o baile de disfraces da liberdade,
. é un ghalopín falanbanda
. vestido de espello,
. que promete sandar a infelicidade
. con fantasías de antonte.
.
. é unha relixión sen sacramentos nin absolución,
. onde o gran pecado
. é non gastar cartos.
.
. triunfar?
. que vén sendo triunfar?
.
. deixa que esa fe chame á túa porta
. e non contestes:
. sente o peso cru, imperfecto e fermoso
. da realidade sen filtros.
.
. sentir o rebumbio insubmiso
. de non parecer nada.
.
. e quen sexa de seu
. devolva o nome prestado,
. espido,
. sen reclamos sen stories sen careta.
.
. é a verdade,
. na mirada atordada de quen descobre, xa tarde,
. que estivo aquí
.
. aquí
. sen chegar a habitar a súa propia existencia.
.
. dime,
. entre o fulgor e a nada,
. que será que é?
.
.
.
.
. Tonio Nóvoa. Outubro de 2026.
.



