Entre os beneficiarios estará os de Ribeira, Aguiño, Castiñeiras, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz (Boiro), Bodión (Boiro), Porto do Son, O Freixo (Outes), Muros e Vilanova de Arousa, O Xufre (A Illa de Arousa), Tragove e Santo Tomé (Cambados), Pedras Negras (O Grove).

A Xunta de Galicia destinará 4,1 millóns de euros (IVE incluído) á execución dunha nova campaña de reposición e reforzo de firmes nos viais interiores de 34 portos de titularidade autonómica. O Consello do Executivo galego tomou razón do inicio do procedemento de licitación a través de Portos de Galicia, cuxos pregos e documentación técnica xa se atopan dispoñibles na plataforma de Contratos de Galicia e na web oficial do ente público. O proxecto conta cun prazo de execución fixado en 15 meses.
Esta iniciativa dá continuidade ás campañas precedentes acometidas en 2023 e 2025. O obxectivo é frear a deterioración que sofren os pavimentos portuarios debido ao intenso tránsito diario de vehículos pesados e maquinaria vencellada á actividade pesqueira e loxística. As obras abranguerán a extensión de capas de rodadura con mestura bituminosa en quente de 5 centímetros de espesor, o saneamento de explanadas, a reposición de lastras de formigón armado e a rehabilitación integral daqueles tramos onde o firme se considera xa esgotado.
Forte presenza nas rías da Coruña e Pontevedra
A programación inclúe peiraos repartidos polo litoral das tres provincias costeiras, cun peso moi destacado na comarca do Barbanza e na contorna da ría de Arousa:
- Provincia da Coruña: Ribeira, Aguiño, Castiñeiras, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz (Boiro), Bodión (Boiro), Porto do Son, O Freixo (Outes), Muros, Portocubelo, Fisterra, Muxía, Camariñas, Caión (A Laracha), Sada, Cedeira, Cariño e Espasante (Ortigueira).
- Provincia de Pontevedra: Vilanova de Arousa, O Xufre (A Illa de Arousa), Tragove e Santo Tomé (Cambados), Pedras Negras (O Grove), Portonovo (Sanxenxo), O Covelo (Poio), Aldán e Cangas do Morrazo, Meira (Moaña) e A Guarda.
- Provincia de Lugo: Ribadeo, Foz, Burela, Celeiro e Viveiro.
Con este investimento, a Consellería do Mar procura garantir a seguridade viaria dos usuarios e profesionais, así como optimizar a operatividade das dársenas galegas.



