Yolanda Carbia incorporarase ao Goberno de Padrón como concelleira de Educación e Cultura

23 Setembro 2026

María Yolanda Carbia Castro incorporouse ao Goberno municipal de Padrón tras tomar posesión como concelleira no pleno ordinario da Corporación celebrado este 23 de setembro. A nova edil cubrirá a vacante producida polo pasamento de Ana Castro García, para quen o alcalde tivo palabras de recordo e agradecemento. A sesión comezou gardando un minuto de silencio en memoria e lembranza de Ana Castro.

Licenciada en Ciencias Económicas e Empresariales pola USC, Yolanda Carbia leva máis de vinte anos dedicada á docencia. Actualmente é profesora de Formación e Orientación Laboral e secretaria do IES de Valga. Durante os oito meses que restan de mandato, asumirá as competencias de Educación e Cultura; Economía e Facenda; Persoal; Promoción do Emprego e Traballo, e Benestar Animal.

Antes de darlle a benvida á nova concelleira, Anxo Arca lembrou a “extraordinaria vocación de servizo público” de Ana Castro: “Durante os tres últimos anos da súa vida dedicouse a mellorar este pobo. Ata os últimos momentos estivo preocupada porque os padroneses e as padronesas tivesen as mellores oportunidades. Moitos dos proxectos nos que participou Ana serán desfrutados pola cidadanía durante mitos anos”, asegurou o alcalde.

De seguido, Anxo Arca deulle a benvida a Yolanda Carbia como nova concelleira de Padrón, “unha persoa con grande capacidade de traballo”. Tras entregarlle a insignia e a medalla a Corporación, o alcalde explicou que a incorporación de Yolanda Carbia leva aparellada unha ampla reorganización das áreas delegadas entre os membros do goberno socialista, así como das tenencias de alcaldía, como recolle o decreto asinado pola alcaldía.

Pola esquerda: Chus Campos Varela, Mariló Saco Vigo, Anxo Arca, Yolanda Carbia Castro, Laura Horta Ignacio e Luis Mariño Castro

Ademais das funcións propias da Alcaldía, Anxo Arca asumirá as áreas de Axenda 2030; Transición Ecolóxica; Información e Comunicación; Relacións Institucionais e cos Sectores Económicos; Seguridade Cidadá (Policía Local, Protección Civil e GES); Tráfico; Saúde Pública; Urbanismo, e Vivenda e Solo.

Pola súa banda, Chus Campos Varela continuará como primeira tenente de alcalde e responsabilizarase de Turismo; Festexos; Xacobeo 2027; Comercio; Medio Ambiente; Parques e xardíns; Limpeza Viaria, e Cemiterios.

Luis Mariño Castro pasará a ser o segundo tenente de alcalde. Terá ao seu cargo Deportes; Vías e obras; Abastecemento de Auga; Saneamento; Alumeado Público; Xestión Enerxética; Recollida e Tratamento dos Residuos; Praza de Abastos, Mercado Dominical e, en xeral, Venda Ambulante.

Laura Horta Ignacio ocupará a terceira tenencia de alcaldía e manterá as áreas que xa dirixía: Dixitalización e Modernización da Administración Local; Novas Tecnoloxías; Formación; Política Lingüística, e Participación Cidadá.

Pola súa banda, Mariló Saco Vigo continuará á fronte de Servizos Sociais; Igualdade e Muller; Relacións Veciñais; Terceira Idade; e Xuventude e Voluntariado.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.