Rego pide ao Goberno a transferencia das vivendas da SAREB en Ribeira para constituír un parque de vivenda pública 

11 Setembro 2026

O portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, e o portavoz municipal de Ribeira, Luis Pérez, explicaron esta mañá en rolda de prensa as iniciativas presentadas no Congreso para que se transfiran de forma gratuíta todos os bens inmóbeis da SAREB (siglas de Sociedade de Activos Procedentes da Reestruturación Bancaria) á Xunta ou ben aos concellos que así o soliciten para o reforzamento da bolsa de vivenda pública e en réxime de alugueiro social.

Néstor Rego enmarcou as iniciativas do BNG, unha proposición non de lei e unha pregunta parlamentar, “nun contexto de emerxencia habitacional na Galiza e tamén en Ribeira, onde o acceso a unha vivenda digna para as grandes maiorías sociais é algo case imposíbel debido aos elevados prezos do alugueiro, a presión turística e a falta de vivenda pública”.

Subliñou a necesidade de “contar con todos os activos e bens inmóbeis en mans do Estado para poder crear parques de vivenda pública a prezos sociais”. Neste sentido apuntou ás propiedades que a SAREB posúe no concello de Ribeira sobre as que reclamou transparencia. “O Goberno debe aclarar cantas vivendas hai e cales son as súas características, se están en situación de habitabilidade, se están libres ou ocupadas e cales son as previsións que manexa” declarou o deputado Néstor Rego.

Explicou que “en Ribeira coñecíamos no pasado mes de xuño que saían a poxa un total de 97 inmóbeis, que no seu momento foran propiedade da SAREB, nunha urbanización situada a 250 metros da praia de Palmeira e con prezos de saída de 70.000 euros”. É, dixo, “un proceso que non aposta pola vivenda pública e social senón que se entrega á especulación para acabar como vivendas turísticas. Isto é o que temos que combater”.

Deixou claro que “a aposta do BNG é que se destinen a un parque de vivendas público e para o alugueiro social, e para iso temos reclamado a súa transferencia á Xunta ou aos concellos que así o soliciten”. Lamentou que a política do Goberno vaia nunha dirección contraria. “En sitios como Ribeira a SAREB está aproveitando para facer caixa coas propiedades máis vantaxosas antes de lle pasar a Casa47 o sobrante. O noso obxectivo é parar isto”.

Ribeira precisa vivenda protexida, especialmente para a mocidade

Luis Pérez Barral, voceiro local do BNG e ex alcalde, puxo de manifesto “a necesidade de vivenda protexida nun municipio que conta cunha poboación de case 30.000 habitantes”. Destacou especialmente as necesidades de solucións habitacións para a mocidade que “ten moi difícil poder emanciparse” e puxo o foco na problemática dun concello que ten o “engadido de termos unha presión turística importante que está a provocar carencia de vivenda para vivir todo o ano”.

Lembrou que “cando estivemos á fronte da alcaldía de Ribeira fixemos un traballo destacado en materia de vivenda, demandando, tanto ao Goberno do Estado como á Xunta, que incluísen a Ribeira nos plans para a construción de vivenda protexida. Tamén traballamos para que a SAREB cedese os terreos que ten no municipio co fin de destinalos á construción de vivenda protexida”. O noso obxectivo, subliñou, “é que a xente poida traballar e vivir en Ribeira”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.