Os grupos da oposición de Ribeira forzan un pleno extraordinario para esixir que se faga a residencia pública de Ribeira

04 Setembro 2026

Os grupos do BNG, PSOE e Non adscritos do Concello de Ribeira (as forzas actuais da oposición) emitiron hoxe un comunicado conxunto no que indican a súa vontade de forzar un pleno extraordinario ante o que consideran “a parálise dun ano da nova residencia de Ribeira”.

Os grupos recriminaron que “abandonar o proxecto das Saíñas implica tirar ao lixo 800.000€ de cartos públicos investidos alí, adiar a súa construción e mandar ás persoas maiores ao monte illándoas sen transporte público nin accesibilidade”.

En opinión dos grupos da oposición en Ribeira, “trasladar a residencia a Curuxeiras, en San Roque (a nova localización elixida polo Goberno local), supón comezar practicamente de cero, gastar máis cartos públicos en novos proxectos e informes técnicos e provocar atrasos inxustificados nunha infraestrutura necesaria para as persoas maiores”.

Tamén lembraron que a residencia das Saíñas, en Coroso, contaba xa con todos os informes favorábeis e que “non existía ningún impedimento legal” para construíla.

No encontro cos medios os grupos denunciaron que “un ano despois da moción de censura, non se cedeu ningún terreo á consellaría, non hai proxecto nin partida orzamentaria e o PP pretende tirar ao lixo cos 800.000€ xa investidos nas Saíñas”. E engadiron: Estamos falando dunha infraestrutura vital para prestarlle servizo ás persoas maiores. Porén, un ano despois de que o PP volvera ao goberno local, non só a residencia pública continúa paralizada, senón que existen outros proxectos permanecen parados”.

Opinaron tamén que “a decisión de querer levar a residencia para San Roque suporía perder todo o traballo realizado e tirar cos 800.000 euros xa investidos de cartos públicos nas Saíñas. San Roque supón levar aos maiores ao monte, xa que estaría illada, non disporía de transporte público e implicaría máis atrasos mentres que facer a residencia nas Saíñas implicaría que nuns meses podería estar en construción”.

Segundo indicaron a maiores, “a Consellería de Política Social non ten o terreo á súa disposición, tampouco ten un novo proxecto, nin ten habilitada a partida orzamentaria para poder construíla”.

E engadiron: “Neste pleno reclamamos que se execute o proxecto da residencia pública de maiores nas Saíñas tal e como estaba previsto xa que nesta localización non existe ningún tipo de lexislación que impida a construción da residencia nese emprazamento tal e como confirmou o Goberno español. Este emprazamento trátase dun terreo accesíbel, con zonas verdes e conectada co mar, conta con transporte público e xa se realizaron importantes investimentos públicos. O proxecto das Saíñas podería estar en construción en poucos meses se se quixera”.

O exalcalde Luís Pérez Barral insistiu: “Ribeira non imos consentir máis demoras nunha infraestrutura destinada a atender ás persoas maiores e ás familias. Defendemos que se faga un uso racional dos cartos públicos e que as persoas maiores, teñan unha nova residencia pública. Imos traballar e esforzarnos para que sexa unha realidade canto antes”.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.