O VIII Premio Luísa Villalta recoñece á asociación inclusiva Ambar e a Maitane Vicente (Outes)

16 Setembro 2026

O VIII Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade, convocado pola Deputación da Coruña, vén de recoñecer sete iniciativas que destacan pola súa contribución á igualdade de xénero, á loita contra a violencia machista e á defensa da diversidade sexual. O certame terá unha contía final de 82 787 euros, a repartir entre as sete propostas. Entre as iniciativas distinguidas atópase a asociación inclusiva da nosa comarca Ámbar e, tamén, a libreira, traballadora social e investigadora de Outes, Maitane Vicente Mariño.

A deputada de Igualdade, Sol Agra, presidiu o xurado, que tivo como secretaria a Eva Ovenza, xefa da sección de Igualdade e Dereitos Civís, e como vogais a Adrián Manuel Gonçalves Barbosa, Lucía Canoura Sánchez e Jose Alberto Rodriguez Bello.

“Estes premios”, destacou Agra, “serven para promover e apoiar economicamente a persoas que desenvolven proxectos que contribúen ao avance social na igualdade de xénero, motor de transformacións e verdadeira necesidade cara á consecución dunha sociedade xusta, libre, igualitaria e democrática”.

Proxectos transformadores

As propostas premiadas representan diferentes ámbitos de intervención –social, cultural, comunitario, artístico e de recuperación da memoria– e comparten o obxectivo de avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e diversa.

A valoración do xurado tivo en conta o interese dos proxectos para a promoción da igualdade de xénero, o seu impacto social na provincia, a metodoloxía, as persoas beneficiarias e a coordinación, así como as medidas de accesibilidade universal, innovación e sostibilidade.

Modalidade A a proxectos sociais

Comuneiras: o voso monte, o noso mañá. O papel das mulleres nos montes veciñais da provincia de A Coruña, de María Lara Barros Alfaro. Recibe 12 500 euros. O xurado salienta o interese da iniciativa por analizar un ámbito tradicionalmente masculinizado como son as comunidades de montes veciñais en man común, así coma a súa aposta por identificar boas prácticas que favorezan a participación activa das mulleres nos órganos de decisión.

Non as vin, pero sentinas. Laboratorio cidadán para a memoria das mulleres disidentes, de Rexenerando S. Coop. Galega. Recibe 12 500 euros. En palabras do xurado, “a proposta destaca pola recuperación da memoria histórica de mulleres e identidades disidentes desde unha perspectiva feminista e interseccional, mediante ferramentas de etnografía feminista e investigación-acción participativa, así como polas súas alianzas co tecido asociativo”.

De dentro cara a fóra: as mulleres migrantes no centro penitenciario de Teixeiro, de Maitane Vicente Mariño. Recibe 11.979 euros. O proxecto propón unha intervención coas mulleres migrantes presas no Centro Penitenciario de Teixeiro para dar visibilidade ás discriminacións derivadas do xénero, da orixe e da privación de liberdade.

Modalidade B a proxectos culturais.

As ben dadas, os camiños nas marxes, de Atenea Fernández García. Recibe 12.500 euros. O xurado valora especialmente a súa contribución á visibilización da diversidade sexual e da memoria LGTBIQA+ na provincia da Coruña, así coma a recuperación da memoria oral das disidencias sexuais e a súa transformación nunha peza de narración oral e en espazos de encontro comunitario.

Circe e Calipso: sementes feministas, libros que florecen, de Raquel Senra Fernández-Árbore azul. Recibe 12.500 euros. A iniciativa combina a recuperación da memoria histórica feminista, coa tradución ao galego e edición da obra Terra delas, de Charlotte Perkins Gilman, cunha proposta cultural e interdisciplinar arredor do libro.

Coidados sen coidado, da Asociación de Movilidad Humana para la Colaboración y el Desarrollo. Recibe 12.500 euros. O proxecto aborda a precarización e invisibilización das mulleres migrantes vinculadas ao sector do fogar e dos coidados desde unha perspectiva interseccional, decolonial e antirracista, situándoas como axentes activas na creación dun relato audiovisual comunitario e reivindicativo.

Acotío: muller, arte e diversidade, da Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional. Recibe 8.308 euros. A proposta incorpora unha perspectiva interseccional centrada nas mulleres con discapacidade, con especial atención á accesibilidade universal, á toma de decisións artísticas e persoais, á vida independente e á eliminación de estereotipos de xénero.

Outros artigos

Esther Piñeiro presenta en Noia o seu libro poemas “Sempre Lela”

A autora Esther Piñeiro presentará en Noia Sempre Lela, publicado pola editorial local Toxosoutos. A cita será este venres 25 de setembro ás 20.30 horas, na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos. Trátase, segundo avanza o Concello de Noia nas redes, dun pequeno...

+

Luns 21, tempo seco e as temperaturas estables ou en lixeiro ascenso

Continuamos sen cambios significativos no meteorolóxico. Este luns 21, San Mateo, será unha xornada de marcada estabilidade atmosférica en todo o territorio autonómico. Durante as primeiras horas do día formaranse bancos de néboa en zonas do interior. Non obstante,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.