
A Agrupación Socialista de Lousame quere transmitir publicamente o seu máis fondo pesar e as súas condolencias á familia, amizades e compañeiros de José Sampayo Ces, histórico militante do partido no municipio e ex tenente de alcalde. Con esta sentida perda, indicaron nun comunicado, “o socialismo de Lousame queda orfo dunha das súas figuras máis esenciais e respectadas”.
E engadiron: “O Pirulo de Vilas non só foi un piar fundamental na consolidación do proxecto socialista en Lousame, senón tamén un exemplo de vocación pública, entrega e honestidade no seu traballo a prol de todos os veciños e veciñas do concello durante a súa etapa como tenente de alcalde”.
Desde a Agrupación Socialista de Lousame queren enviar o seu agarimo aos seus familiares directos nestes momentos de profunda dor, compartindo con eles o orgullo de ter contado na nosa organización cun home da súa integridade e valía.



