O IX Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro mantén a súa aposta pola literatura infantil en galego

11 Setembro 2026

O Concello da Pobra do Caramiñal deu a coñecer este venres, 11 de setembro, os detalles da IX edición do Premio de Literatura Infantil Carlos Mosteiro. Na rolda de prensa, celebrada no Concello, participaron a concelleira de Cultura, Patricia Lojo; o director xeral da Editorial Galaxia, Marcos Calveiro; e a presidenta da Asociación Cultural Barbantia, Chus Blanco.

Nesta nova convocatoria mantense a dotación económica de 3.000 euros, a mesma que na edición anterior, así como a publicación da obra gañadora da man da Editorial Galaxia.

Patricia Lojo puxo en valor unha iniciativa que reúne tres ámbitos nos que o Concello mantén a súa aposta: a cultura, a literatura e a lingua galega. O certame adquire, ademais, un significado especial por levar o nome de Carlos Mosteiro, unha persoa moi vinculada á Pobra, á educación e á literatura, sinalou, engadindo que “manter este premio supón tamén preservar a súa memoria a través daquilo ao que dedicou boa parte da súa vida: achegar a lectura e a cultura ás novas xeracións”.

A concelleira de Cultura destacou, neste sentido, que a iniciativa non remata cando se coñece a obra gañadora. O obxectivo é que “os libros cheguen directamente á infancia da Pobra, aos centros educativos e aos fogares do municipio”.

“Un premio literario ten todo o sentido cando a obra acaba nas mans de quen a le”, sinalou Lojo, quen incidiu na ilusión de que unha historia presentada ao certame poida converterse nun libro que as nenas e nenos da Pobra lean, desfruten e lembren durante moitos anos.

Desde o Concello fíxose tamén un chamamento ás escritoras e escritores que teñan unha historia infantil que contar, animándoos a participar nesta nova edición.

Lojo agradeceu, unha vez máis, a colaboración da Editorial Galaxia e da Asociación Cultural Barbantia, destacando que o premio é posíbel grazas á suma de vontades e ao compromiso de todas as partes.

“Estamos apostando polos libros de hoxe, pero tamén polas lectoras e lectores de mañá”, concluíu a concelleira, reafirmando o compromiso do Concello da Pobra do Caramiñal coa cultura, coa literatura infantil e co galego, así como coa continuidade do legado de Carlos Mosteiro.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.