
O Concello de Noia segue adiante co proceso de renovación da piscina municipal cunha nova actuación encamiñada á substitución do sistema de filtrado, cun investimento de 38.000 euros. Para executar estes traballos será preciso realizar un parada temporal da actividade e a piscina volverá abrir as súas portas o 5 de outubro. Engadir que as actuacións acompáñanse dunha reorganización do servizo que permitiu reducir os custos de funcionamento nuns 40.000 euros anuais e rebaixar un déficit que superaba os 100.000 euros.
Segundo o alcalde de Noia, Fran Pérez, e o tenente de alcalde, Manolo Seijas, estamos a falar dunha intervención necesaria por mor do importante deterioro que presentaba o sistema de filtrado e que permitirá seguir avanzando na posta a punto das instalacións.
Esta actuación súmase aos 14.000 euros destinados á reparación e posta a punto das caldeiras, que tiñan deficiencias, e aos 15.000 euros investidos na renovación do ximnasio, coa adquisición de novas máquinas e equipamento deportivo.
Deste xeito, o Concello destinou arredor de 67.000 euros á mellora da piscina e do ximnasio municipal, abordando diferentes necesidades das instalacións e renovando equipamentos que presentaban un importante desgaste.
Indo ás medidas adoptadas, sinalar que entre elas se atopan: a creación e utilización das bolsas municipais de emprego de socorristas e persoal de recepción, que permiten cubrir estas necesidades mediante contratación directa por parte do Concello. Só esta medida supón un aforro estimado de arredor de 18.000 euros anuais respecto ao sistema anterior.
A combinación destas medidas permitiu mellorar progresivamente as contas dun servizo que presentaba un déficit superior aos 100.000 euros anuais e que actualmente se atopa próximo ao equilibrio, ao tempo que se incrementaron os investimentos nas propias instalacións.
A evolución tamén se reflicte nos ingresos da piscina. No curso 2025/2026 acadáronse os 375.413,25 euros, un 13,7 % máis que no curso 2023/2024, cando se situaron en 330.199,57 euros. O Concello toma como referencia este último exercicio debido a que durante o curso 2024/2025 a piscina permaneceu pechada case dous meses polos danos sufridos na cuberta.




