
O Obradoiro de Emprego Tahume, edición XI, promovido conxuntamente polos concellos de Ribeira e Porto do Son, continúa avanzando no desenvolvemento das diferentes actuacións vinculadas á formación práctica do alumnado. No concello de Ribeira, o certificado de profesionalidade de carpintería vén de iniciar unha das intervencións máis importantes realizadas ao longo da traxectoria das once edicións do obradoiro: a reconstrución integral da pasarela do Carreiro, en Aguiño.
A actuación contempla a renovación dunha pasarela duns 300 metros de lonxitude, cun investimento aproximado de 60.000 euros, o que, segundo explicaron dende o Concello de Ribeira, “converte esta actuación na obra de maior contía realizada no marco desta iniciativa”.
A concelleira de Emprego, Carmen Pérez, puxo en valor a importancia desta intervención tanto pola súa dimensión como pola súa repercusión: “Estamos ante unha actuación moi demandada polos veciños e veciñas de Aguiño, polo que se dá resposta a esas necesidades que nos transmiten”.
Os traballos atópanse actualmente na súa fase inicial. Como parte das actuacións preparatorias, xa se realizou a entrega dunha cuarta parte da madeira necesaria para executar a reconstrución, permitindo avanzar progresivamente nunha intervención que se desenvolverá ao longo das vindeiras semanas.
Dende o Concello explican que “a reconstrución da pasarela constitúe, deste xeito, unha oportunidade para que o alumnado do certificado de carpintería poña en práctica os coñecementos adquiridos nunha actuación real de importante dimensión, ao tempo que se contribúe á mellora dunha infraestrutura de uso público e de interese para os veciños e as veciñas”.
Unha vez rematados estes traballos, o alumnado continuará desenvolvendo diferentes actuacións de mellora e conservación en distintos espazos e equipamentos municipais.




