Axudar ás familias monoparentais e monomarentais no seu día a día é o obxectivo dunha xornada convocada para este venres 25 de setembro no Edificio Casino de Noia. Trátase da xornada Imaxina facelo sempre todo sen apoio, que pon o foco nunha realidade incontestábel: as familias monoparentais teñen que afrontar en solitario boa parte dos coidados, do sostemento do fogar e da conciliación, pero os coidados non son só unha cuestión familiar: tamén son unha responsabilidade social e comunitaria.
A xornada desenvolverase en horario de tarde e terá varias partes. De 17:00 a 19:00 h incluirase un punto de asesoramento sobre recursos e información para familias monoparentais e voluntariado. A partir das 19h comezará unha charla informativa e faladoiro sobre desigualdade, conciliación e corresponsabilidade. A actividade está organizada pola Asociación de Familias Monoparentais de Galicia (FAGAMOS). O acceso será libre. Quen precise máis información pode chamar ao móbil 633 817 849.




