Navia Espacio de Arte (Vigo) inaugurou a exposición Mulleres, do artista da nosa comarca Jontxu Argibay (Castiñeiras, Ribeira 1976). Trátase da 17ª exposición que acolle este espazo artístico de APAMP (Asociación de Familias e Mulleres con Parálise Cerebral) que continúa así coa súa aposta por achegar a arte contemporánea á cidadanía desde unha perspectiva aberta, inclusiva e accesíbel.
A nova mostra reúne 36 obras, 17 pinturas e 19 esculturas, a través das que Jontxu Argibay ofrece unha mirada íntima, persoal e contemporánea sobre as mulleres: mulleres próximas ao artista e outras figuras coñecidas forman parte dunha proposta na que os rostros, os corpos, as emocións, os oficios e as historias se converten en materia artística.
A exposición presenta diferentes técnicas e linguaxes. As acuarelas parten de instantes e imaxes compartidas nas redes sociais, mentres que os óleos se centran principalmente en amigas e mulleres da contorna do artista.

Nas esculturas, o corpo feminino convértese en forma, volume e expresión, nun percorrido por diferentes sentimentos e realidades. Mulleres é unha homenaxe, en palabras do espazo expositivo “unha mirada construída desde a admiración e o respecto, na que Jontxu Argibay busca capturar non só a aparencia das súas protagonistas, senón tamén aquilo que as fai únicas: a súa personalidade, as súas emocións e as súas historias”.

Con esta inauguración, Navia Espacio de Arte suma xa 17 exposicións ao longo da súa traxectoria, reafirmando o seu compromiso coa creación de espazos de participación cultural e coa difusión da arte en diálogo coa diversidade. A inauguración contou coa presenza do artista Jontxu Argibay, quen acompañou ao público neste primeiro encontro coa súa obra.
A exposición estará aberta ata o 30 de outubro de 2026.





