A conselleira do Mar, Marta Villaverde, reuniuse cos patróns maiores da Confraría de Ribeira, José Antonio Pérez, e da Confraría de Aguiño, José Antonio Santamaría, así como co xerente da Lonxa de Ribeira. A xuntanza serviu para avaliar a situación da frota local e coordinar liñas de acción conxuntas encamiñadas a fortalecer o tecido extractivo e comercializador da comarca do Barbanza.
Durante o encontro, as partes analizaron posíbeis medidas e investimentos destinados a potenciar a actividade pesqueira e marisqueira e mellorar a comercialización en primeira venda. Villaverde trasladoulles a vontade da Xunta de colaborar estreitamente con ambos os pósitos e cos xestores da lonxa na optimización de procesos, chegar a novos mercados e no valor engadido das capturas para mellorar a rendibilidade da actividade pesqueira.





