Xosé Luís Veiras Manteiga elabora o cartel anunciador das Festas de Santa Minia

14 Setembro 2026

O Concello de Brión vén de presentar a programación dunha nova edición da Romaría de Santa Minia, a primeira tras a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia. Tres días de festa, que terán lugar do venres 25 ao domingo 27 de setembro, onde a música volverá ser un dos seus principais atractivos: cun gran concerto de Luar na Lubre, coa participación de tres das mellores orquestras de Galicia (Finisterre, Olympus e Miramar) e do grupo La Banda de Ayer, que se unirán aos tradicionais atractivos desta festa: misas, polbeiras, fogos de artificio, postos de venda ambulante…

Unha das principais novidades é o cartel da festa, elaborado polo artista compostelán afincando en Lousame (na aldea de Camboño) Xosé Luís Veiras Manteiga (Compostela, 1949), quen toma así relevo do seu amigo Xosé Vizoso (Mondoñedo 1950-Brión 2025), encargado de ilustrar a Romaría de Santa Minia dende o ano 2010. De feito na edición de 2025, o Concello de Brión, coa aprobación da familia do artista, recuperara unha ilustración de 2006 para utilizada como cartel da Romaría e facerlles así unha derradeira e merecida homenaxe tras o seu pasamento.

Cartel de 2026

“Estou moi honrado porque nunca pensara en tomar este relevo, incluso pensaba que se seguiría pedindo licencia para utilizar outros debuxos de Vizoso”, chanceou o propio artista durante a presentación do cartel en Brión. Un acto no que estivo acompañado polo alcalde, Pablo Lago, e o xestor cultural de Brión e coordinador da Romaría de Santa Minia, Alberto Álvarez, e que Veiras Manteiga aproveitou para “agradecer a confianza. Xa me dixeron que queren que faga o seguinte… Pois a ver se chegamos a facer tantos como Vizoso, o que significaría que vou vivir outros quince anos máis. Moi agradecido”.

Veiras Manteiga explicou que “eu fixen moito cartel e, segundo o tema, escollo un estilo diferente. Neste caso é semellante aos que teño feito de jazz e penso seguir este estilo. Un primeiro plano cos músicos, cos gaiteiros e xente bailando. E detrás poño un edificio ou monumento que identifique a vila. Neste caso, a capela de Santa Minia. E despois a cor é a típica das miñas obras”.

Pablo Lago puxo en valor o traballo de Veiras Manteiga, a quen convidou a visitar a Romaría de Santa Minia “especialmente este ano, que coincide en Domingo o Día Grande e que será a primeira edición como Festa de Interese Turístico de Galicia, polo que se o tempo acompaña agárdase unha gran afluencia de romeiros chegados de todas partes de Galicia”. De feito, o Concello de Brión xa iniciou a semana pasada os traballos para acondicionar os distintos puntos de aparcamento gratuíto dispoñibles na contorna do santuario.

Luar na Lubre

Ao igual que nas dúas últimas edicións, a Carballeira de Santa Minia non acollerá ningunha actividade da programación, xa que o Festival Monecadas trasládase este ano ao centro social polivalente, para maior desfrute do público asistente. A gran novidade deste ano será o espectáculo Lubre 40 aniversario, un concerto de 120 minutos co que un dos grupos de folk con maior repercusión en Europa e Latinoamérica está a celebrar o seu corenta aniversario. A actuación terá lugar o domingo 27 de setembro, de 20:00 a 22:00 horas, no espazo habilitado para os concertos.

Nestas catro décadas, Luar na Lubre ten publicado 20 discos, dos que vendeu máis de 350.000 exemplares, e ten ofrecido máis de 2.500 concertos en máis de 60 países. Un tempo no que ten recibido dous Discos de Ouro, 9 Premios da Música e a Medalla Castelao 2025 en recoñecemento á súa exemplar traxectoria na promoción da cultura galega. O grupo fundando na Coruña en 1986 tomará así o relevo de Xosé Manuel Budiño, gran protagonista musical da edición de 2025 dentro da súa xira Branca vela.

Programación 2026

A Romaría de Santa Minia abrirá as súas portas o venres 25 de setembro coa primeira das tres sesións do X Festival Monecadas, todas elas ás 17:30 horas e que este ano trasládanse da praza do concello ao centro social polivalente. Unha edición con tres grupos participantes de Galicia e Portugal. A entrada é libre e de balde. Así, o venres 25 abrirá o telón Trécola Teatro de Marionetas, con As aventuras de Pituquiño. O sábado 26 será a quenda dos portugueses Compañía Heliodora, co espectáculo Barbacena. Finalmente, a compañía galega Fantoches Baj porá en escena Novos lobos o propio Día de Santa Minia, domingo 27 de setembro.

Tras os monicreques, a praza do Concello acollerá a tradicional actuación das Escolas de Baile e Música Tradicional de Brión, o venres 25 de setembro ás 18:30 horas. Unha hora despois, actuación da artista local Ruth Cundíns, que dará paso ás 21:00 horas a unha gran verbena coas orquestras Finisterre Proyect e Olympus.

O sábado 26 de setembro (Vésperas) a festa arrincará ás 10:00 horas cunha ruada da Charanga Os Celtas. A mediodía, tomará o relevo o Grupo de Gaitas Devagarinho, que ás 14:00 horas dará paso á sesión vermú coa Orquestra Suavecito. Pola tarde, despois do Festival Monecadas, unha ruada co grupo de música tradicional @s Garuleir@s, con verbena a partir das 22:00 horas coa orquestra Suavecito e o Grupo La Banda de Ayer, que ofrece música pop rock dos anos 80, 90 e 2000.

Un ano máis, a queima da fachada será substituída por un espectáculo de luz e son que, a través da tecnoloxía de vídeo mapping, recreará unha queima virtual de fachada e contará distintas historias para desfrute das persoas asistentes, xusto antes da tradicional tirada de fogos de artificio. Á medianoite terá lugar unha gran tirada de fogos de artificio.

Finalmente, o domingo 27 de setembro amencerá cunha ruada e un concerto do grupo de gaitas O Pichel, seguido dunha ruada coa Charanga Os Celtas que dará paso á sesión vermú coa Orquestra Miramar. Pola tarde haberá música coa agrupación musical tradicional Tíralle do Aire e concerto da Banda de Música Municipal de Brión, ás 18:00 horas na praza do Concello. Tras o concerto de Luar na Lubre, a Orquestra Miramar pechará a edición de 2026.

Xosé Luís Veiras Manteiga

Nado no ano 1949 en Compostela, pasa parte da súa infancia en Mesía e As Pontes e no ano 1955 o novo destino laboral do seu pai leva á familia a residir a en Noia. Xosé Luís xa cultiva a súa afección polo debuxo no Instituto Laboral de Noia e continua a formación de bacharel en Santoña (Santander) onde a rematará no ano 1967. Nos anos seguintes compatibiliza estudos e varios traballos en Lugo e iníciase de xeito autodidacta como pintor de óleos; o debuxo a expresión poética e a pintura xa son dende entón marcas de identidade que permanecerán con él o resto da súa vida.

No ano 1972 fai o servizo militar en Cartaxena e Ferrol, rematado este período regresa a Lugo onde traballa na hostalaría e faise asiduo da tertulia cultural do Café Madrid na que, entre outros, participaban Celestino Fernández de la Vega, Arcadio López Casanova e Constantino Pallín e traba relación con outros insignes escritores e músicos do momento (Ánxel Fole, Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Xei Noguerol, Antón Campelo…).

A partir do ano 1974 o seu proxecto vital levao a Francia xunto coa súa parella Christine, coa que casa no ano 1975, terán dous fillos e naquela altura o creador decide dedicarse definitivamente á pintura. A partir dese momento o traballo de artista pictórico é incansábel. No 2001 retorna definitivamente a Galicia, vivindo a día de hoxe na parroquia de Camboño, concello de Lousame.

Veiras Manteiga é un artista universal que desenvolveu a súa andaina vital e pictórica entre dous mundos: Galicia e Francia; que expuxo en Rennes, Nantes, St. Pierre La Cour, Chateau Gontier, Laval, Ernée, St. Barthelemy D’Anjou, Avrillé, Augsbourg, Loiron, París, Segovia, Mettmann, Compostela, Paczkow, Mayenne, Madrid, Caen, Lemans, Opole, Nysia, Gundremmingen, Aichach, Deventer…

Membro fundador do colectivo ART-VIF xunto con outros artistas como Jean Chevalier, Yves Grudé e Michel Maurice, que máis tarde amplíase e da lugar a AAA53, grupo do que segue a formar parte e no que participou con máis de sesenta exposicións colectivas a nivel internacional.

A súas ilustracións acompañarán ás obras de moitos autores galegos, moitos deles do Barbanza-Noia, como Manuel Fabeiro, Xosé Agrelo Hermo, Avilés de Taramancos, Pilar Sampedro, Maxi Olariaga… Dentro da súa faceta como ilustrador podemos reseñar algúns títulos moi recoñecidos como: Galicia en cómic-Noia Porto de Compostela, Folgar de Brigantia-A morte de Ith, English for infants, Espagnol Sistema Básico, Os touros de Noia, Os días con Lara, Fuxidos…, e tamén para revistas como L’Oribus, Casa da Gramática e Alameda do Liceo de Noia.

Pintor, tradutor, xornalista, ilustrador, poeta, presentador de TV e radio, muralista… De Lousame a París, da pintura á litografía, da ilustración á poesía, da figuración á abstracción. Os mundos e as artes de Veiras son complementarios ao longo da súa traxectoria artística. Falamos dun artista que ten unha marcada proxección europea, con múltiples actividades de artista e creador: óleo e acrílico, augadas e tintas, cerámica e gravado, mural e banda deseñada, debuxo e caricatura; e tamén poeta, xa que no ano 2010 editará o poemario Fisterras.

Outros artigos

Ambar abre este venres as Festas do Nazareno

A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, entidade inclusiva do Barbanza, será a encargada de dar o pregón das Festas do Nazareno o 18 de setembro, ás 21.15 horas. A súa intervención marcará o inicio dunha das celebracións máis destacadas do calendario...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Dime ¿para que sirven los políticos?” – Manuel Domínguez

“Dime ¿para que sirven los políticos?” – Manuel Domínguez

Desde el comienzo de la democracia, 8 leyes de educación, cada cual a peor, cada partido impone la suya, fracaso tras fracaso. 50 años de democracia, cada 6 años una nueva ley de educación. La Banca En Galicia había 7 cajas de ahorros, al ser servicio publico sus...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.