
Do 2 de outubro ao 15 de novembro, o Curtas Festival do Imaxinario converterá Vilagarcía de Arousa nun punto de encontro para os seareiros do cinema fantástico, o terror e as artes vinculadas ao xénero, cunha ampla programación expositiva na Sala Rivas Briones, no Auditorio e no Salón García.
A 54ª edición reúne oito propostas que percorren diferentes ámbitos da cultura fantástica, dende o atrezzo cinematográfico e os efectos especiais ata a ilustración, o cómic, a fotografía e a creación artística contemporánea. Todas as mostras terán acceso de balde.
Na Sala Briones
Making Movies (do 2 de outubro ao 15 de novembro). Un percorrido polos segredos da creación cinematográfica que reúne máis de 100 pezas orixinais de películas lendarias como Star Wars, Indiana Jones ou Alien, entre elas obxectos que nunca antes foron exhibidos en Galicia.
O Gabinete de Curiosidades (do 2 de outubro ao 15 de novembro). Unha exposición que se presenta en primicia mundial en Vilagarcía e que se poderá ver exclusivamente en Curtas Festival do Imaxinario. A mostra, que conta coa colaboración de Un Mundo a Otra Escala, reúne obxectos autografados e réplicas de películas e series míticas como Pesadelo en Elm Street, Hellraiser, O exorcista, O resplandor, A matanza de Texas, A historia interminable e Dentro do labirinto, entre moitas outras.
Into the Abyss: The Art of Dariusz Kieliszek (do 2 de outubro ao 15 de novembro). Curtas presenta por primeira vez en España unha selección da obra de Dariusz Kieliszek, un dos artistas máis recoñecidos dentro da arte fantástica contemporánea. O creador polonés desenvolveu un universo visual propio, marcado polo terror cósmico, a fantástica escura e as atmosferas inspiradas no imaxinario de H. P. Lovecraft. As súas obras están poboadas de criaturas inquietantes, paisaxes imposibles e figuras que exploran a fronteira entre o humano e o monstruoso. Into the Abyss ofrece así un percorrido por unha das miradas máis persoais e perturbadoras da arte fantástica actual.

Clayface, de Xermánico: Terror e Fantasia nun mundo de superheroes (do 2 de outubro ao 15 de novembro). A exposición afonda no proceso creativo do artista galego Xermánico en torno a Clayface, o mítico personaxe de DC Comics. A través dos orixinais realizados para Batman: One Bad Day – Clayface, a mostra permite achegarse ao traballo desenvolvido para a obra publicada por DC, dende a construción visual do personaxe ata a súa resolución gráfica.
Historias desde o Limiar (do 2 de outubro ao 15 de novembro). A exposición reúne os orixinais realizados por Santipérez para Historias desde o Limiar, o proxecto literario e gráfico desenvolvido xunto ao escritor Manuel Losada, referente na literatura de intriga e de terror. As historias forman parte do universo narrativo creado por Curtas para a edición de 2026 e funcionan como unha precuela do festival. A mostra permitirá descubrir de cerca as ilustracións orixinais que acompañan os relatos, que serán publicados durante o festival nun volume físico.
No Auditorio de Vilagarcía
Desde el Umbral: Las pesadillas y alucinaciones de Luis Camacho (do 2 de outubro ao 2 de novembro). Trátase dunha inmersión no imaxinario do artista a través dunha escolma que inclúe obras que formarán parte do seu próximo libro, Manual Zoomórfico 2, xunto con pinturas de gran formato e outras creacións inéditas.
O cinema e os seus protagonistas (do 2 de outubro ao 1 de novembro). Unha exposición fotográfica de Josep María Contel, recoñecido fotógrafo de prensa e gran amigo do festival, que percorre máis de 40 anos de traxectoria profesional a través de imaxes de grandes personalidades do cinema captadas en festivais, rodaxes e estreas.
No Salón García
Monstrorama 2 (do 23 de outubro ao 1 de novembro). Os monstros regresan ao Salón García cunha nova edición desta exposición de figuras a tamaño real dedicada aos grandes terrores cinematográficos de onte e de hoxe. Como principal novidade, incorpora novas figuras e máis animatrónicos para ofrecer unha experiencia máis inmersiva, contando coa colaboración da empresa especializada MadAboutHorror.co.uk do Reino Unido, que celebra o seu 10 aniversario. A inauguración oficial terá lugar o 23 de outubro ás 20:30 horas.
Con esta programación, Curtas Festival do Imaxinario amplía a súa proposta expositiva e reúne nun mesmo espazo diferentes formas de achegarse á cultura fantástica: dende os grandes clásicos do cinema e os seus elementos de produción ata a creación contemporánea, o cómic, a ilustración e o propio universo narrativo do festival.
Dende 1973
Cunha traxectoria que se remonta a 1973, Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía de Arousa consolídase como o decano dos certames audiovisuais en Galicia e un referente para o xénero fantástico e de terror.
En palabras da organización, “máis que un evento estritamente cinematográfico, o Festival Internacional de Cinema Fantástico de Galicia constitúe unha experiencia multidisciplinar que transforma a cidade na capital do extraordinario, integrando cinema, literatura, cómic e artes visuais nunha proposta cultural única”.
Curtas Festival do Imaxinario é membro oficial da Méliès International Festivals Federation (MIFF), o que lle permite outorgar anualmente o prestixioso premio Méliès d’Argent á mellor curtametraxe fantástica europea. Recentemente, foi recoñecido coa EFFE Label 2026-2027, o distintivo de calidade que outorga a European Festivals Association (EFA) co apoio da Comisión Europea, e figura na exclusiva listaxe de Dread Central como un dos 90 mellores festivais de xénero de todo o mundo.
O certame celebrará a súa 54ª edición do 23 de outubro ao 1 de novembro co apoio institucional do Concello de Vilagarcía de Arousa, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, o patrocinio de De Angeles Films, Rei Zentolo, Acción Cultural Española, DCP Ready, Factoria do Lume, Gadis, Harald House.
Formato 9.16
Este ano o certame agasallará aos seareiros-creadores unha importante novidade tecnolóxica: a sección Vertical Fantastic Contest, a través da cal a comunidade poderá desfrutar de cinema de xénero en formato 9.16. A través desta sección, o festival buscou as 10 mellores obras de xénero concibidas dende a verticalidade.

O novo apartado xorde dunha realidade que non se pode negar: a forma na que consumimos o audiovisual mudou. Así, indican dende a organización, “as pantallas dos nosos móbiles e as plataformas dixitais crearon novas formas de narrar”, e o “que empezou case como unha anécdota, o formato vertical (9.16), é hoxe unha linguaxe propia cunha gran forza, capaz de conectar directamente co público sen perder calidade, profundidade nin identidade de autor”.
Por iso, Curtas Festival do Imaxinario deu un paso adiante na súa 54ª edición (do 23 de outubro ao 1 de novembro de 2026) coa creación de Vertical Fantastic Contest, unha nova sección competitiva enfocada en “explorar como respiran o terror, a fantasía e a ciencia ficción cando lle damos a volta á pantalla”.
O proceso levounos a buscar curtametraxes e series web pensados desde cero para o dispositivo móbil, “pezas que non sexan simples recortes dun plano panorámico, senón que entendan a verticalidade como parte da historia”, sinalou o equipo do festival, engadindo que “queremos ver como os creadores aproveitan este lenzo para xerar inmersión e tensión dunha forma distinta”.
O obxectivo foi escoller 10 traballos para que compitan polo galardón desta categoría.
Respecto da irrupción da intelixencia artificial, sinalan: “Queremos deixar clara a nosa postura respecto ás novas ferramentas tecnolóxicas, valoramos por encima de todo o talento e a perspectiva das persoas; aínda que permite o uso puntual de intelixencia artificial como un apoio creativo menor, non aceptaremos proxectos xerados integramente con IA. A obra ten que ter pulso e corazón humano”.




