ATEGAL abre o 9 de setembro as inscricións para o novo curso das Aulas Sénior de Padrón

01 Setembro 2026

As Aulas Sénior de Padrón preparan xa o curso 2026-2027 cunha ampla programación destinada a promover o envellecemento activo, a formación permanente e a participación social das persoas maiores de 50 anos. O programa, xestionado por ATEGAL en colaboración co Concello de Padrón, desenvolverase tanto no núcleo urbano como nas parroquias de Carcacía, Angueira de Suso e Estramundi.

O período de matrícula abrirase o 9 de setembro para as persoas empadroadas no Concello de Padrón. A partir do 23 de setembro, poderán inscribirse todas as persoas maiores de 50 anos da comarca. As clases comezarán o 1 de outubro de 2026.

A matrícula mantén un custo de 60 euros anuais por persoa e de 100 euros por matrimonio, aos que se suman 10 euros por actividade. O programa contempla, ademais, varias propostas gratuítas. Para o alumnado matriculado serán gratuítas Mundo Grecorromano, Camiñatas e Memoria, mentres que o Clube de lectura e o adestramento de forza funcional serán totalmente gratuítos.

Actividades no núcleo urbano

A programación das Aulas Sénior ofrece diferentes alternativas para manter unha vida activa. Haberá ximnasia de mantemento, con grupos de distintas intensidades e unha modalidade de aeróbico; escola lumbar, pilates, ximnasio, ioga-relaxación, hipopresivos, camiñadas e adestramento de forza funcional. Este último será impartido por un alumno en prácticas da UVigo e desenvolverase entre o 1 de outubro e o 30 de abril.

A vertente formativa e cultural contará este curso con memoria, inglés, Historia de España e Galicia, arte e patrimonio artístico-cultural, ademais dunha proposta centrada na influencia do mundo grecorromano na vida diaria, abordando a súa presenza na linguaxe, na arte, na literatura, na ciencia e na filosofía.

Outra das propostas do programa será Informática e nocións de Intelixencia Artificial (IA), con dous niveis. As clases impartiranse os mércores, de 17.00 a 18.30 horas para o nivel 0 e de 18.30 a 20.00 horas para o nivel 1.

A oferta complétase con actividades creativas como pintura en tea, pintura ao óleo, traballos manuais e labores varias, entre elas patchwork, bordado, ganchillo e calceta.

O Clube de lectura, de carácter gratuíto, reunirase o último luns de cada mes, de 11.00 a 12.00 horas. A primeira sesión terá lugar o 30 de novembro e estará dedicada á obra Los nombres, de Florence Knapp.

As Aulas Sénior continúan nas parroquias

A programación mantén tamén a súa presenza no rural. En Carcacía haberá ximnasia de mantemento os martes e xoves, de 9.30 a 10.30 horas, e memoria os mércores, de 18.30 a 20.00 horas.

En Angueira de Suso, a ximnasia de mantemento desenvolverase os luns e mércores, de 17.00 a 18.00 horas, e memoria os luns, de 18.45 a 20.15 horas.

Pola súa banda, en Estramundi impartiranse escola lumbar (espalda) luns e mércores, de 17.45 a 18.45 horas; pilates os luns e mércores, de 18.50 a 19.50 horas; e ximnasia de mantemento os martes e xoves, de 19.00 a 20.00 horas.

Viaxes culturais e voluntariado

Máis alá das clases, a programación complétase con viaxes culturais e co Voluntariado ATEGAL, dirixido a todo o alumnado interesado en colaborar nos diferentes proxectos das Aulas Sénior.

Información e inscricións

A sede das Aulas Sénior está no Centro Social de Padrón, Campo do Souto nº 2. Para obter máis información, as persoas interesadas poden chamar ao 981 811 329, escribir a cruz.taboada@padron.gal ou consultar as webs de Ategal e do Concello de Padrón.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.