As ANPAs de Ribeira din que o curso comeza “sen información sobre o programa de conciliación”

09 Setembro 2026
Exterior do Colexio de Palmeira

As ANPAs dos centros de Aguiño, Palmeira, Frións, Artes, Carreira, Santa Uxía, Deán Grande, Olveira e Caramecheiro emitiron un comunicado conxunto no que critican que o curso comezase este mércores 9 de setembro “sen información suficiente sobre como vai funcionar o programa de conciliación e o servizo de madrugadores”. E engaden: “Levamos semanas solicitando datos e unha reunión conxunta co Concello, e non a obtivemos”.

No comunicado fan saber que “alén da falta de información, hai un problema de fondo: este curso a hora de monitorado que o Concello asigna a cada centro ten que destinarse exclusivamente ao servizo de madrugadores. O curso pasado cada centro podía decidir en función da súa demanda real, e reclamamos que se recupere esa flexibilidade”. As ANPAs lembran que a necesidade non é a mesma en todos os centros e que nuns a demanda concéntrase en madrugadores e noutros en comedor, e a composición das familias, os horarios e o tamaño de cada centro varían moito dun a outro. Para as asociacións de nais e pais, “un modelo único aplicado a nove realidades distintas deixa recursos públicos infrautilizados nuns centros mentres noutros queda sen cubrir o servizo que as familias si demandan”.

Lembran que esta cuestión foi trasladada ao consello escolar municipal do 11 de maio de 2026 e que daquela “o Concello respondeu que a estudaría e que informaría da súa decisión, mais non houbo ningunha comunicación desde entón”.

“Se se contase coas ANPAs, non estariamos hoxe pedindo isto por escrito. O modelo deste curso decidiuse sen preguntarnos, e por iso non encaixa co que cada centro necesita”, apuntan.

Por todos estes motivos, as entidades solicitan o seguinte:

-Información clara e inmediata sobre o funcionamento do programa e do servizo de madrugadores.

-Unha reunión conxunta coas ANPAs dos centros participantes.

-Flexibilidade para que cada centro destine a hora de monitorado a madrugadores ou a comedor, segundo a súa demanda, como o curso pasado.

-Que non se esixa alumnado mínimo, para que os centros máis pequenos non queden fóra.

-Unha canle de comunicación directa e estable entre o Concello e as ANPAs.

A dito engádese o malestar polas subvencións pendentes de aboar ás ANPAs, que, segundo indican, “dificultan a planificación das asociacións e que solicitamos resolver”.

Outros artigos

O filme documental 360 curvas proxéctase este domingo en Boiro

O Ciclo de Cine Mestre Mateo, impulsado nos concellos pola Academia Galega do Audiovisual, volveu poñer o foco en Boiro para dar coñecer ao público a rica colleita cinematográfica galega deste último ano. Sen ir máis lonxe, este domingo 18 de outubro proxectarase no...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.