
A Unidade de Investigación de Conservación da Natureza (UICON) mostrou hoxe o seu importante labor en Ribeira.
Trátase dunha nova brigada móbil de intervención inmediata que empezou a operar en febreiro de 2026. A través dela a Xunta quere situar Galicia na vangarda en materia de protección do patrimonio natural ao ser das primeiras en dotarse dun equipo destas características. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, acompañou a varios membros desta unidade durante unha xornada organizada, precisamente, para dar a coñecer e divulgar entre a cidadanía o labor que veñen realizando no conxunto do territorio desde a súa posta en marcha.
Tras destacar o alto nivel de especialización da UICON, integrada actualmente por oito axentes medioambientais con formación específica en criminalística ambiental, manexo e captura de fauna silvestre ou aplicación de novas tecnoloxías de vixilancia no medio natural, lembrou que “a creación deste equipo foi posíbel grazas ao acordo acadado entre o seu departamento e as organizacións sindicais para a formación da primeira unidade en Galicia capaz de ofrecer unha resposta rápida, especializada e coordinada a nivel autonómico para garantir a protección do patrimonio natural”.

Recordou que o equipo leva xa case sete meses operando como unidade móbil de investigación e resposta rápida ante situacións que, pola súa propia complexidade ou pola carga de traballo que acumulan determinadas áreas, requiren unha dedicación especial, coñecementos específicos e habilidades e competencias particulares á hora de encaralas.
En Ribeira celebrouse hoxe unha demostración teórica do procedemento de extracción de exemplares de xabaril mediante trampeo, no marco das actuacións realizadas para o control e xestión da fauna silvestre. Acompañada pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, a conselleira comprobou primeiro o funcionamento das cámaras de fototrampeo e desprazouse a continuación cos axentes ao lugar no que estaba localizada a trampa, onde os membros da UICON lle explicaron o procedemento de captura e extracción.

A continuación, estaba previsto que participaran nunha práctica de vixilancia preventiva con dron sobre as dunas de Corrubedo, pero as circunstancias meteorolóxicas impediron finalmente que o aparato puidera voar.
O obxectivo desta actividade era amosar como a UICON combina o uso de medios tecnolóxicos aéreos coa comunicación e localización dos axentes en tempo real, unha forma de traballar especialmente efectiva á hora de vixiar e protexer zonas de especial interese ambiental. De feito, o Plan operativo anual da brigada contempla os espazos naturais protexidos, como o Parque Natural complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, como zonas prioritarias á hora de empregar a tecnoloxía de vixilancia dispoñible en labores de prevención e detección de posibles infraccións ambientais.
Por outra banda, para esta tarde está prevista tamén unha terceira intervención por parte da UICON, en Catoira. Neste caso, a demostración programada permitirá visualizar a aplicación práctica do protocolo de veleno, unha das áreas de intervención máis especializadas do equipo e na que resulta fundamental a cadea de custodia para garantir a correcta toma de mostras e o seu traslado posterior ao laboratorio para analizalas.




