
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, coñeceu hoxe os detalles do novo proxecto empresarial dos antigos Estaleiros Triñanes, agora de nome Samala Shipyard, que considerou “un exemplo da capacidade do sector naval para diversificarse e modernizarse a través da tecnoloxía”.
Lorenzana visitou en Boiro (no lugar de Chazo, en Abanqueiro) as instalacións deste emblemático estaleiro de carpintería de ribeira que, con novos propietarios, está ampliando as súas liñas de negocio cara a outro tipo de embarcacións, ademais das tradicionais.

Para a conselleira “é un exemplo do que é o naval en Galicia: unha industria absolutamente moderna, capaz de diversificarse, de transformase, de adaptarse coas novas tecnoloxías aos tempos actuais”.

Estaleiros Triñanes -agora convertido en Samala Shipyard e con todo o seu cadro de persoal- traballa xa en novos produtos (embarcacións de pasaxe, de traballos portuarios ou para prácticos de porto) para ampliar mercado, pero mantendo, tamén, as liñas tradicionais de actividade. Para isto, a empresa realizou investimentos en tecnoloxía de ultima xeración: como escaneado 3D e ferramentas de realidade virtual.

A conselleira considerouno “un exemplo de transición, de conservación dunha industria tradicional” que leva a marca Galicia Calidade polo mundo.
Segundo datos do Ministerio de Industria e Turismo correspondentes ao primeiro semestre do ano, Galicia conta cunha carteira de pedidos de 34 buques dun total de 77 en España e, xunto con Asturias, lidera a clasificación nacional.





