
Xa está aberto o prazo de matrícula na Escola de Música da Banda de Noia para o curso 2026/27, en palabras do Concello “unha oportunidade para aprender, gozar da música e formar parte dunha entidade que leva xeracións poñendo banda sonora á nosa vila”.
Haberá diferentes modalidades (música e movemento, linguaxe musical, linguaxe musical e instrumento e só instrumento), e instrumentos (frauta, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba, bombardino, percusión, canto e piano) para todas aquelas persoas que queiran comezar ou seguir medrando musicalmente. Ademais, a propia Banda facilita os instrumentos ao alumnado.
O prazo estará aberto ata o 30 de setembro e as prazas son limitadas, asignándose por orde de matrícula e con preferencia para quen realizase previamente a preinscrición. O formulario pode conseguirse a través do código QR do cartaz.
O local de ensaio é a sala Prudencio Romo da rúa Corredoira de Luis Cadarso.




