Unha exposición itinerante sobre Manuel Lourenzo completará a estrea de “A velada de Londres” de ButacaZero

28 Agosto 2026

Coincidindo coa estrea da peza A velada de Londres (co-protagonizada pola soprano noiesa Esperanza Mara) o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a compañía ButacaZero (co-impulsada pola dramaturga rianxeira Esther Carrodeguas) ofrecerá ao público algo un percorrido pola memoria de quen foi unha das grandes figuras da escena galega, Manuel Lourenzo (Valadouro, Lugo, 1943-2025). Trátase dunha exposición itinerante de seis paneis que se instalará no vestíbulo do teatro antes da función e que acompañará á montaxe na súa posterior traxectoria.

Deseñada baixo o título Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, a mostra foi concibida polo director Xavier Castiñeira coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e o fondo bibliográfico da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.

Segundo explican, “esta exposición non pretende ser un percorrido histórico exhaustivo pola vida e a obra de Manuel Lourenzo, senón unha homenaxe construída desde a emoción e o afecto do propio Castiñeira polo seu mestre; máis que explicar a súa traxectoria, a exposición quere celebrar a súa presenza e manter vivo o seu legado”.

A exposición amosa a dimensión dun creador que “facía do teatro unha urxencia vital desde que regresou de Alemaña en 1965 para alumear unha Galicia gris”, sinalan dende ButacaZero, engadindo que “entre os datos e documentos que rescata a mostra destaca a singular disciplina de Lourenzo: un autor que escribiu máis de 300 pezas teatrais (reunidas en sete volumes) regresando puntualmente cada día ás súas obras porque escribir formaba parte da súa maneira de estar no mundo”.

A mostra abrangue tamén as múltiples vidas de Manuel Lourenzo: desde a súa faceta como impulsor e fundador de espazos clave para a cultura galega (O Facho, Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, a compañía Luís Seoane ou Casahamlet) ata a súa labor pedagóxica, teorizada no seu célebre manual de interpretación Pensar co corpo (2000). O percorrido repasa ademais o seu traballo como tradutor ao galego dos grandes clásicos (Esquilo, Shakespeare, Brecht, Beckett) e a súa conexión co gran público a través de personaxes icónicos na televisión como Melgacho (Mareas Vivas) ou Terito (Fariña).

A exposición poderase visitar de xeito gratuíto no vestíbulo do Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro 4 de setembro, coincidindo coa estrea da peza, marcando o punto de partida dun itinerario que levará este tributo a Manuel Lourenzo polos diferentes espazos onde se presente o espectáculo.

A elección de A velada de Londres ten tamén unha razón profundamente vinculada á historia da propia obra: en 1999, Xavier Castiñeira foi axudante de dirección de Manuel Lourenzo na súa posta en escena. Case tres décadas despois, Castiñeira retoma aquel texto desde a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.

A Velada de Londres mergúllanos na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das súas obsesións creativas. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece ao Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.

A presenza en escena da noiesa Esperanza Mara, chelista e soprano, farán que o público poida desfrutar dunha velada teatral, pero tamén musical.

Ficha da obra

Estrea absoluta: 4 de setembro, ás 20:30 horas, no Teatro Rosalía Castro (A Coruña).

Dirección: Xavier Castiñeira.

Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro, Esperanza Mara (soprano e chelista).

Banda sonora orixinal: Iago Hermo.

Deseño de luz: Violeta Martínez.

Espazo escénico: Beatriz de Vega.

Figurinista: Carlos Pinilla.

Produción e distribución: ButacaZero.

Produción en xira: Rubén Capelán.

Axudante de dirección: Nuria Montero.

Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.