A Concellería de Turismo da Pobra do Caramiñal encara a recta final da súa programación estival “Vive a experiencia” cunha completa proposta de actividades que permitirá continuar gozando do mar e da paisaxe durante as próximas semanas.
Entre as actividades que continúan nestes últimos días de verán atópanse as Viaxes en Veleiro, que terán lugar esta mesma fin de semana, o venres 21, o sábado 22 e o domingo 23 de agosto, así como o sábado 29. As saídas ofrecen a oportunidade de navegar pola ría e contemplar a costa pobrense desde unha perspectiva diferente, nunha experiencia pensada para gozar da paisaxe e da tranquilidade do mar.
Tamén continúa a Ruta do Mexillón en embarcación tradicional, con novas saídas previstas para este xoves 20 e o venres 21 de agosto, así como para os días 26 e 27. A actividade permite coñecer de preto o cultivo do mexillón na ría e combina a navegación coa degustación deste produto, acompañado de viño da IXP Terra de Barbanza e Iria.
As Illas Atlánticas, protagonistas das próximas viaxes
A programación incorpora, ademais, dúas propostas especiais para descubrir o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
Este domingo 23 de agosto será posible realizar unha viaxe á illa de Ons con saída desde A Pobra do Caramiñal, unha oportunidade para pasar a xornada nun dos espazos naturais máis recoñecidos das Rías Baixas, gozando das súas paisaxes, praias e rutas.
A programación estival prolongarase ata setembro cunha última proposta: o domingo 6 de setembro, a Concellería de Turismo anima a despedir o verán cunha viaxe ás illas Cíes, outro dos grandes tesouros naturais de Galicia.
As viaxes a Ons e Cíes deberán reservarse directamente coa empresa Piratas de Nabia, a través da súa páxina web oficial, www.piratasdenabia.com. A compañía lembra que, para viaxar ás illas durante a tempada de maior afluencia, é necesaria a autorización correspondente da Xunta de Galicia, que pode ser xestionada durante o proceso de reserva.
Desde a Concellería de Turismo destacan que “a programación ‘Vive a experiencia’ chega á súa recta final mantendo o obxectivo de ofrecer propostas que permitan coñecer e gozar da Pobra e da súa contorna dun xeito diferente, poñendo en valor o noso patrimonio mariñeiro, a nosa paisaxe e a riqueza natural da ría”.





