O festival de títeres tradicionais Titiriberia, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio do Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o INAEM, encara este xoves 20 de agosto unha das súas xornadas máis completas. O certame, que reúne do 18 ao 23 de agosto un total de 27 funcións de compañías procedentes de Galicia, Portugal e diversos puntos da Península, despregará mañá seis espectáculos e espazos de lecer gratuítos en distintas localizacións do municipio.
- 11:00 h (Parque de Santa Lucía, Asados): Mamulengo Galego, de Seisdedos. Fusión de tradicións titiriteiras de Galicia e Brasil con música ao vivo.
- 13:00 h (Praia de Tanxil): Pulcinella en la plaza, da compañía andaluza Lobishome. Inspirada nas guaratelle napolitanas e cargada de humor na rúa.
- 18:00 a 19:30 h (Campo de Arriba): Xogos na Feira Vella, iniciativa de Viravolta cunha recreación de atraccións e xogos populares tradicionais.
- 18:00 a 20:00 h (Campo de Arriba): Treco-lerias, de Trécola Producións. Proposta de xogo interxeracional con autómatas e personaxes históricos do monicreque de cachiporra.
- 19:00 h (Campo de Arriba): Estrea de Cantar do ano, de Seisdedos. Microespectáculo de cantar de cego con retranca sobre a actualidade rianxeira dos últimos doce meses.
- 20:00 h (CS A Capela, Araño): Menudencias, da compañía vasca Tenderete. As peripecias do bandido Txikilicuatro tras fuxir da cadea.
- 21:00 h (Auditorio de Rianxo): O Carteiro de Ximaraos, de Os Monicreques de Kukas. Coprodución co CDG baseada nun texto de Carlos Labraña que aborda a realidade do alzhéimer.
A programación continúa aberta a todos os públicos ata o vindeiro domingo 23, combinando funcións de rúa con propostas de sala que reivindican a riqueza e vixencia da arte dos títeres.





