
O Concello abriu o prazo de inscrición do Servizo Municipal de Madrugadores do vindeiro curso. O programa, gratuíto e dirixido ao alumnado do CEIP Plurilingüe Ricardo Tobío, CEIP Ramón de Artaza e Malvárez e CEIP Plurilingüe de Louro, constitúe en palabras do Concello “unha medida de apoio ás familias, favorecendo a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e promovendo a igualdade de oportunidades”.
O prazo de preinscrición estará aberto até o 21 de agosto.
O equipo de Goberno sinalou que desde a súa posta en marcha, o Servizo Municipal de Madrugadores “experimentou un incremento continuado da participación”, pasando de atender a 34 familias e 49 nenas e nenos no curso 2024/2025 a 49 familias e 66 nenas e nenos no curso 2025/2026.
A concelleira de Ensino, Laura Rivadeneira, sinalou que “a consolidación deste servizo demostra a súa utilidade e a resposta que ofrece ás necesidades reais das familias de Muros. O incremento constante do número de persoas usuarias reafirma o compromiso do Concello con políticas que contribúan á conciliación”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Maruxa Martínez, destacou que “a conciliación é un elemento fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria, facilitando que as responsabilidades de coidado poidan compatibilizarse coa vida laboral e persoal”.
Máis información e bases na web municipal.





