A proba celebrarase este sábado 29 de agosto cunha nova ambientación histórica e supera os 550 inscritos, batendo a participación dos últimos anos.
As rúas de Noia prepáranse para acoller este sábado, 29 de agosto, a VIII Carreira Pedestre Noia Medieval – Memorial Hipólito Rey Polo. A proba, presentada este xoves polo Concello de Noia e o Club Atletismo Noia, chega cargada de novidades ao estrear unha nova identidade visual e unha ambientación temática vinculada ao pasado histórico da vila.

A concelleira de Deportes, Sandra González, puxo en valor durante o acto a colaboración do Club Atletismo Noia e o «seu traballo diario ao longo de tantos anos no fomento e na promoción do atletismo», destacando a transmisión de valores como o esforzo e o compañeirismo. A edil sinalou que a nova estética estará reflectida nos carteis, camisetas e trofeos, pero tamén no propio trazado: «Queremos facer unha homenaxe á nosa vila e á súa orixe medieval», subliñou ao convidar a veciños e visitantes a sumarse á cita.
Percorrido polo casco histórico
No aspecto puramente técnico, o concelleiro e técnico de Deportes, Andrés Tuñas, detallou que se manterán os circuítos habituais que discorren polo centro urbano e a zona monumental. A proba absoluta disputarase sobre unha distancia de oito quilómetros, repartidos en dúas voltas ao circuíto, e contará con categorías adaptadas desde idades temperás ata máster.
A resposta popular superou as expectativas da organización, con máis de 550 atletas inscritos, unha cifra que mellora os rexistros das edicións precedentes e que consolida o crecemento do evento no calendario deportivo comarcal.
Tradición e homenaxe
Pola súa banda, Luis Sanmartín, “Yiyo”, representante do Club Atletismo Noia, fixo un percorrido polas raíces do evento, nado en 1978 grazas ao pulo do colectivo Amigos da Maratón. O certame mantén viva a homenaxe a Hipólito Rey Polo, figura crave no atletismo local.
A xornada repartirá medallas para as categorías de base e trofeos para os tres primeiros de cada escalafón, ademais de premios en metálico para o podio absoluto e un apartado específico por clubs. A organización concluíu agradecendo o apoio do persoal voluntario, Cruz Vermella, Policía Local e Protección Civil no despregamento da seguridade da proba.




