Noia presenta esta fin de semana un calendario ateigado de actividades

07 Agosto 2026

O Concello de Noia afronta unha das fins de semana con maior actividade deste verán, cun amplo calendario de propostas que se desenvolverán desde este venres e ata o domingo en diferentes puntos do municipio.

Comercio local, música en directo, festas populares, actividades para toda a familia e a XVII Concentración Motera Ría de Noia coincidirán durante tres xornadas nas que a actividade se estenderá por diferentes puntos da vila e das parroquias.

A programación comeza este venres coa apertura, ás 12:00 horas na Alameda, do Pop Up impulsado por Noia Histórica, que se desenvolverá durante os días 7, 8 e 9 de agosto. A iniciativa reunirá comercio e actividades complementarias, entre elas un tobogán de auga, unha sesión vermú con DJ, un sorteo dun sancosmeiro e un photocall infantil. Ademais, as persoas que realicen as súas compras durante a fin de semana poderán recibir unha bolsa de tea reutilizable ata fin de existencias.

A música terá tamén un importante protagonismo dentro do programa Rúas Vivas. Este venres, ás 21:00 horas, The Cods actuarán na praza do Tapal, mentres que o domingo, tamén ás 21:00 horas, será a quenda de Embrío no Malecón de Gasset, cunha proposta baseada en versións en galego de temas de Pink Floyd.

A actividade chegará igualmente ás parroquias coa celebración da Festa da Milagrosa de Barro, que contará durante o venres con música tradicional, sesión vermú, inchables, baile e zumba, ademais da actuación de Pili Pampín ás 23:15 horas. O sábado continuará a programación festiva cun campionato de chave.

Tamén se celebrarán durante esta fin de semana as Festas da Peregrina, que o sábado contarán coa actuación de Glasgow 15 ás 23:00 horas. O domingo celebrarase a procesión e mexilloada ás 13:00 horas e unha sesión de vinilo a partir das 20:00 horas.

Concentración Moteira e Noia na Noite

Outro dos grandes focos de actividade será a XVII Concentración Moteira Ría de Noia, que se desenvolverá durante venres, sábado e domingo cun extenso programa de rutas, música, exhibicións e actividades.

Entre as propostas destacan a exhibición gratuíta de stunt do sábado, a actuación de La Gran Batucada, o campionato de EscalaBirras, a ruta nocturna de fachos, os fogos artificiais en lembranza dos moteiros falecidos, o toro mecánico e as diferentes rutas que percorrerán Noia e outros municipios da contorna.

A noite do sábado chegará ademais unha das novidades da programación deste verán: a primeira edición de Noia na Noite, unha proposta que convida a veciñanza e visitantes a descubrir a vila desde outra perspectiva.

Durante a noite desenvolveranse concertos, teatro, visitas teatralizadas e outras actividades culturais, ao tempo que diferentes edificios emblemáticos e espazos de Noia contarán cunha iluminación especial. A proposta completarase coa apertura nocturna de museos e outras iniciativas destinadas a encher de actividade diferentes puntos da vila.

O tenente de alcalde e responsable do programa Rúas Vivas, Manolo Seijas, amosouse “moi satisfeito con como está funcionando a programación deste verán e, sobre todo, coa resposta da xente”. E engadiu: “Estamos vendo unha Noia con actividade practicamente todos os días, con propostas moi diferentes e cunha participación moi boa tanto da veciñanza como das persoas que nos visitan”.

Seijas enmarcou este traballo dentro de Dinamiza Noia, “a campaña coa que nos comprometemos desde o Goberno municipal para dar vida á vila e dinamizar a actividade social e económica de Noia”. E apuntou: “Non se trata só de organizar actividades. Queremos que haxa xente nas rúas, que se merque no noso comercio, que se consuma na nosa hostalaría e que sempre haxa un motivo máis para vir a Noia e quedar en Noia”.

Desde o Concello de Noia convídase á veciñanza e ás persoas que se acheguen á vila durante estes días a participar e desfrutar dunha fin de semana cunha ampla variedade de propostas para diferentes públicos, apoiando ao mesmo tempo o comercio, a hostalaría e a actividade local.

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.