Xa cho dixen: Franco morreu o 20 de novembro de 1975. Mais segue vivo un franquismo que era solapado e silandeiro e que agora renace en moitos que calaron uns anos e os que hoxe reviven a eclipse dun sol de bandeiras ao vento coa camisa nova que bordaron en roxo cando nun onte non lonxano, entre os milleiros de afusilados en Víznar ao seu carón vai 90 anos cumpridos o martes, un poeta cantou en Nova Iorq con “quejíos” de ambrosía na zambra máis sonora da Granada que unha outra vez se remove nas entranas tremente dos sismos que hoxe en díoa se repiten. Os de Franco mataron a García Lorca, aquel poeta que tamén soubo soñar en galego na Quintana dos mortos ao reflexo da lúa que chora.
Aos que nos fixemos maiores nos tempos do franquismo, chegóunos a vellez co rexurdir de águias que moitos créron desaparecidas e só aniñaron por un tempo para outra vez latexar polas montañas que foron nevadas e hoxe están queimadas.
Lorca morreu asasinadp a tiros nas cárcavas de Víznar ao pouco de que España comezara unha guerra da que os nosos pais gardaron memoria viva ata que a gadaña segou vida e deixou lembranza: “Se me queres escribir, xa sabes o meu paradoiro”, cantaban os soldados dun e doutro bando. Pero Lorca xa non escribiu máis: na súa moi amada Andalucía quedaron os seus poemas, cantares e debuxos, definitivamente silenciado o seu piano. arrumbada “La Barraca” de soños incumpridos.
Federico: “Só o misterio nos fai vivir”.
Que presente temos e a onde nos conduce este?. A águias calan, falan as camisas vellas. Xa cho dixen: Franco morreu na cama, quedan en pé moitos franquistas de novo cuño. Oxalá a música, a poesía e os debuxos de Federico García Lorca, no noventa aniversario do seu asasinato, sexa un canto de paz e entendemento.




