
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, realizou hoxe unha visita ao IES Porto do Son para comprobar o avance das obras de mellora que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional está a executar no pavillón deportivo do centro cun investimento de 267.000 euros.
Este centro contará este ano con ao redor de 400 alumnos e participa activamente en numerosos programas educativos como Club de Ciencia, Clubs de Lectura, Navega con Rumbo, PLAMBE ou Plan Proxecta, segundo lembrou a conselleira, destacando que a obra do peche supón “unha importante mellora das instalacións deportivas, incrementando a súa seguridade, funcionalidade e confort para o alumnado e o conxunto da comunidade educativa”.

Recordou tamén que as obras inclúen a execución dun novo peche perimetral da pista deportiva, que cubrirá todos os laterais do pavillón cunha altura de 3,75 metros. O peche conta cunha base de paneis prefabricados de formigón e unha parte superior de chapa ondulada microperforada de aluminio, un sistema que permite garantir a entrada de luz natural, a ventilación do espazo e a protección fronte á choiva lateral.
O proxecto contempla tamén a mellora da cuberta mediante a instalación de novos canlóns e baixantes para facilitar a correcta evacuación das augas pluviais, así como a substitución da cuberta de fibrocemento dos vestiarios por un panel sándwich, mellorando así o illamento e a durabilidade da instalación. Ademais, habilitarase un novo almacén de máis de 23 metros cadrados no interior do pavillón, na zona das gradas, optimizando os espazos dispoñibles para o almacenamento do material deportivo. Outro dos aspectos destacados da intervención é a reforma da instalación eléctrica e a dotación dunha nova instalación de protección contra incendios, da que carecía ata o de agora o pavillón.

A representante do Goberno autonómico destacou ademais que no Concello de Porto do Son se están levando a cabo actuacións ademais dentro do Plan Ben_Estar de pequenas obras intervencións no CEIP de Portosín, CEIP DE Sobrado-Nebra, CEIP Santa Irene e CEIP de Xuño, intervencións de melloras que suman ao redor de 100.000 euros.

Máis obras no Barbanza
Belén do Campo subliñou que dentro das grandes obras que se están a executar na comarca do Barbanza destacan, ademais do muro no IES de Porto do Son, outras catro actuacións, concretamente no CEIP Praia Xardín de Boiro por un importe de máis de 1,1 millóns de euros, no CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao de Rianxo por un importe de case 110.000 euros, no CEIP O Grupo de Ribeira por un importe de case 80.000 euros e no CEIP de Olveira tamén de Ribeira outros case 74.000 euros. En total o investimento neste 5 centros educativos ascende a case 1,7 millóns de euros.




