A XLVI Festa do Pemento de Herbón reparte máis de 3.000 racións entre milleiros de visitantes

01 Agosto 2026

A Festa do Pemento de Herbón celebrou hoxe a súa 46ª edición. Milleiros de persoas achegáronse ata a carballeira do convento de Herbón para participar nesta celebración declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, na que se repartiron máis de 3.000 racións de pementos de Herbón acompañados de cachelos e pan.

A xornada comezou ás 9.00 horas cos pasarrúas do grupo de gaitas Os Mersenarios e da charanga OT, que animaron os momentos previos á misa campestre e á tradicional bendición dos pementos.

Un dos momentos máis agardados volveu ser a procesión de tractores, que reuniu 34 vehículos agrícolas engalanados para a ocasión. A comitiva percorreu as rúas de Padrón e realizou a súa habitual parada diante da Casa do Concello, onde os participantes lle entregaron unha cesta de pementos ao alcalde, Anxo Arca. No acto tamén estiveron presentes os concelleiros Mariló Saco, Luis Mariño e Laura Horta.

O percorrido continuou coa ofrenda floral diante da escultura da Pementeira, símbolo do labor das persoas que manteñen viva a tradición e o cultivo deste produto emblemático.

Xa de regreso na carballeira do convento, o presentador e comunicador Duarte Galbán foi o encargado de pronunciar o pregón desta edición. O rianxeiro destacou a excelencia do pemento de Herbón e a súa relevancia como emblema gastronómico da parroquia e de Padrón.

Galbán recoñeceu especialmente o esforzo da xente do campo e o traballo desenvolvido pola comisión organizadora, ao tempo que animou a veciñanza a continuar celebrando e defendendo esta tradición. A súa intervención rematou cunha canción na que tamén fixo partícipe o público.

Durante o acto entregáronse, ademais, os premios aos tractores participantes. O vehículo número 14 resultou gañador desta edición cunha proposta que incluía unha degustación do produto.

O xantar popular e o ambiente festivo prolongáronse durante toda a tarde na carballeira. A programación completarase esta noite no campo de fútbol de Herbón cunha gran verbena amenizada pola orquestra La Banda de Ayer e a Disco Móbil CDC.

A música porá o broche final a unha nova edición dunha celebración que continúa medrando e que constitúe un dos principais escaparates do pemento de Herbón e do municipio de Padrón.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.