Unha marea violeta percorrerá Ribeira no 28 de agosto para sensibilizar sobre o alzhéimer

09 Xullo 2026

A solidariedade volve tomar forma de andaina coa décima edición de Os Camiños da Memoria que promove AGADEA Alzhéimer e o Concello de Ribeira, coa colaboración do Club Sachacamiños, e que se desenvolverá no venres, 28 de agosto, a partir das 20.00 horas, con saída dende o parque García Bayón.

Trátase dunha iniciativa que agarda reunir a 400 participantes e que se realizará como antesala ao mes do alzhéimer, o cal se conmemora en setembro, onde converxen pacientes, familias, profesionais, entidades e veciñanza que camiñan xuntas formando unha marea violeta.

“Dende o Concello de Ribeira apoiamos este tipo de accións que buscan que ninguén quede illado, especialmente, os nosos maiores. Por iso, hai que continuar sensibilizando, acompañando e visibilizando o alzhéimer. Tanto o impacto que ten nos pacientes como nos seus familiares, pois aquí é clave a figura do coidador. Poñemos o foco, polo tanto, en coidar, acompañar e non esquecer. Grazas a AGADEA polo seu labor diario e este tipo de actividades extraordinarias que xa están consolidadas no calendario municipal”, en palabras do concelleiro de Servizos Sociais e Sanidade, Vicente Mariño.

Por outra parte, a presidenta de AGADEA Alzhéimer, Isabel Gey, e a psicóloga do Centro de Día de Ribeira, Alba Iglesias, explicaron os obxectivos desta andaina. Segundo apuntou Gey, “queremos lembrar que detrás de cada diagnóstico hai unha persoa, unha historia de vida e unha familia que precisa sentirse acompañada. Queremos que Ribeira se encha de violeta para visibilizar esta realidade e demostrar que somos unha comunidade comprometida, solidaria e que non esquece”.

O itinerario é semiurbano, de dificultade media-baixa e consta de 8 quilómetros con saída do Parque García Bayón para coller o paseo de Coroso, subir ata a Pedra das Cabras, camiñar ata Deán e incorporarse novamente a Coroso para volver ao punto de partida, tal e como deu a coñecer o representante do Club Sachacamiños, Manuel Castiñeiras.

O reparto das camisetas comezará ás 18.30 horas e non faltará a música tradicional.

O prazo de inscricións abrirá en vindeiras datas de maneira telemática, se ben tamén se poderán formalizar no propio centro de día de Ribeira. O importe do dorsal é de 7 euros para colaborar nas accións que organiza a dita entidade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.