“Un galego na Casa Branca” – Lois Alcayde Dans

13 Xullo 2026

Cando as últimas eleccións americanas saíu nun xornal (dispensen vostedes que lles diga cal) unha pequena historia ao redor dun día cotián dun cidadán estadounidense nos bosques de Pennsylvania, na caza do pato. Naquelas fragas, con esa cor verde e esa humidade en forma de néboa coa que tanto xogara David Lynch, temos a estética dos anos 1990: verde esmeralda, tweed, os cadros que exportou Lady Di, a tarta de cereixas vermellas do FBI, como as do conto de Manuel Rivas en Que me queres, amor?… todo iso no arco da escopeta no tiro de graza ao voador animal, abatido para ser celebrado á noite ou ao día seguinte. Descoñezo o nome daquel americano imaxinado, pero tan real, nunha escena que podería suceder en Lugo ou hai algúns anos nos terreos hoxe protexidos nas Fragas do Eume.

O cazador, de nome Michael, Mike, para os amigos, seguramente compartiría os seus devezos diante do compañeiro de choio no bar, tamén vería o fútbol, mais alá sería o football, non o soccer, que eles diferencian segundo se porte o balón coa graza mediterránea nos pés ou co espírito viquingo, nas mans e a golpes. Mike, Miguel aquí, sería un traballador máis de gorra de tartán, alá, aquí con gorra de compañía de seguros, banca rural ou vella caixa pública afundida no crack de 2008. Pero nunca coñeceriamos a ese Mike. América vai nese ronsel que deixan os barcos ao pasar a Torre de Hércules, cando sinala un co dedo e lle amosa a un americano: aí estaban teus avós, teus bisavós, dicindo adeus e incluso décadas máis tarde aparecería un fotógrafo, Alberto Martí, que con esa graza simpática coruñenta collería e sería o noso Capa pero con máis graza, por iso de que non procuraba beleza no drama e o drama, nas fotos do grande Martí, lle pide á beleza calar un pouco e deixar a toda esta xente que comparta as bágoas do emigrante, aquel que poderiamos ser calquera de nós.

Quen lles escribe tivo a oportunidade de facer algo parecido. Non a de emigrar, pero si a de recibir a alguén da súa familia cuxos devanceiros migraron hai un século. A semana pasada veu a Galicia un benquerido familiar, chamámonos entre os dous “primo” e as nosas orixes retrotráense aos Dans de comezos do século XX en Galicia. Di o economista Enrique Dans que o apelido devén de “Dansk”, de Dinamarca, e este Dans que puido ver cos seus ollos o ronsel da Torre de Hércules chamámolo Tom, é Thomas, que xunto coa súa muller, Laura, e o seu fillo máis novo, Lucien, arribaron a Galicia para coñecer as súas raíces. Tom traballa para o Goberno dos Estados Unidos, e aquilo tan dos anos 90 de intentar falar “incluso cun galego na lúa” vai ser certo, polo menos na Casa Branca. Tom lidera, designado polo presidente dos Estados Unidos, a Comisión do Ártico e, dalgunha maneira, volveu á Groenlandia da que gostamos imaxinar que houbo algún Dansk perdido que nalgunha incursión comercial, namoradeira ou invasora chegou ás costas desta beira do Atlántico. 

Esta marabillosa familia descubriu Galicia e nós descubrimos algo con eles, pois se ben un pode facer turismo polo lugar de onde é —e eses ollos son os que convidan o mellor ollar, o que mira arriba, para ver as fachadas modernistas da Coruña— recoméndolles ter esa mesma experiencia con familia de fóra. Falei con Tom, que estudou Historia, sobre outras relacións transatlánticas, como aquel Xoán de Gante, duque de Lancaster, que veu aquí tomar posesión do reino so pretexto de facer o Camiño, chegando ao porto coruñés, o mesmo do ronsel do adeus, coa benvida das armas, e non durou moito. Falamos de María Pita e da proliferación de bandeiras en cada balcón, non precisamente as da selección española, que co soccer, o football, para o Mike do que lles falaba, liberáronnos as rúas de Compostela no día da súa chegada. Vemos, coa nosa familia americana, aos estudantes de Santiago preguiceiros a estas alturas de xullo e cos seus andares non sei se de rap ou de andante entre as silvas, pois Santiago é rica en coñecemento, pedras e postureo namoradizo con algún ensaio sesudo e inatopable para a conquista amorosa.

Porén, saberán os bos viaxeiros, sempre quedan cousas sen dicir. Houbérame gustado explicarlle a Tom esa sensación de aquí ao cruzar o país e explicar a orixe americana do deseño megalítico da Cidade da Cultura, unha cordilleira californiana deseñada por Peter Eisenman que lle chamou a atención dende o automóbil; tamén houbera desfrutado eu se tivese atopado palabras para explicar a sensación aquel día, hai xa dez anos, de visita en Combarro, cando lle preguntei a unha señora de alá, poñendo ela a roupa a tender, onde comer e me levou a unha tasca na que a liña do mar chegaba á ventá e eu, desfrutando unha empanada de millo cun branco de padal tenro e húmido, como se o fermoso do mundo aniñase no estómago, vin un kaiak á altura dos meus ollos navegar a ría baixa, así tan alta. Gostaría de terlle amosado in situ a proliferación de grupos de Facebook dedicados ás fotografías antigas das cidades, ese mapa da nostalxia no que aparecen pais e nais como tamén o eran, no seu barrio de Nova York, a familia de Tom, a nosa.

Non lle puiden amosar iso, pero quedará para cando volvan a esta, a súa casa tamén. Nós iremos velos un día a Norteamérica e quizais poderiamos topar con aquel Mike, quizais por Texas, e brindar cun viño godello escolleito de Valdeorras pola saúde do Atlántico e pola liña branca da Torre de Hércules dando a benvida en Austin.

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

+

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

“Quen engana a quen?” – Antón Luaces

Pepa Millán, a portavoz de Vox no  Congreso dos Deputados, xoga a, como mínimo, dúas bandas: ou se engana ou nos engana ao enxuiciar o que acontece estes días en Ceuta onde, desde os días 30 e 31 de xullo pasado vén falando da necesidade de expulsar da cidade autónoma...

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.