
De se cumprir as previsións,antes de que remate este verán vai ser presentada á súa aprobación polo Congreso dos Deputados un decreto lei que, segundo SUMAR, prorrogará o alugueiro de vivendas ata o ano 2028 e negociará medidas antidesafiuzamento.
Os membros de SUMAR xa anunciaran que presentarían un novo texto con esas medidas e outras complementarias como bonificacións fiscais a caseiros, para convencer a Junts, formación que nun primeiro momento estaba en contra da prórroga dos alugueiros.
O grupo que, ata vai pouco encabezaba a actual vicepresidenta segunda do Goberno, a galega Iolanda Díaz, prometera aprobar antes da reapertura do período de sesións ese texto e, onte,mércores, xa avanzou parte do contido do mesmo, aínda que polo de agora nada se dixo sobre as medidas de bonificacións fiscais aos caseiros, medida que de ser incluída previsiblemente non vai contar co voto favorable de Podemos.
No novo texto inclúese unha tamén nova prórroga extraordinaria de ata dous anos dos contratos de alugueiro.
Esta prorroga reforzada poderá ser solicitada polos inquilinos cuxos contratos vencen ata o 30 de xuño de 2028, o que amplía en case ca un millón de persoas as potenciais beneficiarias desta medida, segundo SUMAR, en total (desde o 21 de marzo de 2026 ata o 30 de xuño de 2028) poderán beneficiarse da prórroga case catro millóns de persoas e un millón e medio de fogares.
O texto tamén inclúe outras medidas, xa anunciadas, como a regulación do alugueiro de temporada e habitacións para acabar co uso fraudulento destes alugueiros como vía de elusión do réxime de alugamento de vivenda cotián e dos límites de prezos nas zonas tensionadas. E tamén un aumento da tributación dos pisos turísticos ata o 21% do IVE e un endurecemento do réxime sancionador sobre a súa publicidade en plataformas, medidas enfocadas a desincentivar o alugueiro turístico.
O novo decreto incluirá unha proposta a negociar cos grupos parlamentarios sobre medidas para protexer ás familias en situación de vulnerabilidade, co obxectivo de evitar os desafiuzamentos e de que ningunha queda sen alternativa habitacional.


