
Porto do Son converterase unha vez máis nun auténtico poboado celta coa celebración da Feira Celta 2026, unha cita xa consolidada no calendario festivo do verán galego que convida a veciñanza e visitantes a mergullarse na cultura e nas tradicións da época.
A programación dará comezo o venres 24 de xullo coa apertura oficial do recinto feiral, do campamento celta e do mercado de artesanía, acompañada de ruadas, animación musical e espectáculos itinerantes. A xornada culminará cun dos momentos máis agardados da fin de semana: o espectáculo de gran formato SubUmbra, xunto cunha gran troula de animación e un espectacular show de lume.
O sábado 25 de xullo será a xornada de maior intensidade, cun programa continuo de actividades ao longo de todo o día. Haberá exhibicións, obradoiros, música tradicional, recreacións históricas, animación infantil, desfiles e espectáculos itinerantes.
Entre as propostas máis destacadas figura a celebración da Celta Race, unha carreira de obstáculos que porá a proba a habilidade e resistencia das persoas participantes nun percorrido especialmente deseñado para a ocasión. A programación nocturna volverá sorprender co espectáculo Errantes, unha impresionante montaxe de lume de gran formato, seguida de música e festa celta.
A Feira Celta despedirase o domingo 26 de xullo, mantendo o ambiente festivo con novas actividades no campamento, música en directo, exhibicións, obradoiros e ruadas ata o peche oficial da celebración, poñendo o broche de ouro a tres intensas xornadas dedicadas á divulgación da cultura celta.
Durante toda a fin de semana, o público poderá gozar dun completo asentamento celta, con recreacións históricas, obradoiros participativos, xogos, actividades infantís, exhibicións, combates e propostas divulgativas pensadas para achegar a pequenos e maiores ao modo de vida dos antigos pobos celtas.
A organización aposta un ano máis por unha programación dirixida a todos os públicos, na que tradición, patrimonio, cultura e lecer se unen para converter Porto do Son nun dos grandes referentes das recreacións históricas de Galicia durante o verán.
Luis Oujo, alcalde do municipio, subliñou que “a programación está pensada tanto para pequenos e maiores, con tres días repletos de historia viva, cultura, espectáculos, tradición e convivencia nunha contorna privilexiada, que consolida á nosa Feira Celta como unha cita imprescindible para quen desexe gozar dunha experiencia diferente en Galicia”, asegurou.
O cartel deste ano foi obra de José Luis Pulivo Calvo, natural de Madrid, escollidas entre un total de 49 propostas de distintos puntos de España e que están expostas na Casa da Cultura de Porto do Son.





