Os alcaldes Anxo Arca e Luis Miguel Carmona lideraron os actos institucionais, que incluíron unha ofrenda floral a Macías ‘O Namorado’ e a entrega da Pedronía aos peregrinos xienenses.

Padrón e a localidade xienense de Arjonilla volveron escenificar este sábado a gran fortaleza do seu irmandamento. O reencontro tivo lugar no marco da XIX Feira Medieval, unha cita perfecta para reforzar de xeito activo os vínculos institucionais e humanos que unen a ambos municipios historicamente a través da lenda do trobador Macías ‘O Namorado’.
Na recepción oficial celebrada no salón de plenos, o alcalde de Padrón, Anxo Arca, destacou o valor desta unión en tempos complexos: «Vivimos un momento no que destacar o que nos une non é o máis habitual. Padrón e Arjonilla son un exemplo de entendemento, cooperación e amizade entre pobos irmáns». Arca tamén aproveitou para agradecer a hospitalidade que a delegación padronesa recibiu en terras andaluzas o pasado mes de setembro. Pola súa banda, o rexedor de Arjonilla, Luis Miguel Carmona, gabou a vontade compartida de seguir impulsando unha relación que transcende o plano institucional e que se consolida grazas ao intercambio real entre a veciñanza.
Ofrenda floral, xantar de confraternidade e a entrega da Pedronía
Xusto cando se cumpre un ano desde que se formalizou o protocolo oficial de irmandamento, unha delegación de preto de medio cento de veciños e veciñas de Arjonilla atópase na zona realizando o Camiño de Santiago desde Tui. Con motivo desta peregrinación —que rematará este domingo en Compostela—, os alcaldes fixeron entrega da Pedronía aos camiñantes andaluces como recoñecemento á súa viaxe e á súa vinculación coa vila.
Tras o tradicional intercambio de agasallos no consistorio, as dúas corporacións desprazáronse ata o Xardín Botánico-Artístico para realizar unha emotiva ofrenda floral diante do monumento a Macías O Namorado, símbolo por excelencia da unión entre os dous pobos. Posteriormente, as comitivas compartiron un xantar de confraternidade para seguir estreitando lazos.

Unha viaxe ao pasado no casco histórico
Os alcaldes encabezaron tamén o percorrido inaugural da Feira Medieval, que durante toda a fin de semana transforma o casco vello de Padrón. O mercado de época conta nesta edición con máis de 90 postos de artesanía, música, obradoiros e animación de rúa.
A intensa xornada deste sábado tivo o seu broche de ouro na praza de Macías coa posta en escena de Quimera, un espectáculo da compañía Pablo Méndez Performances que cativou aos presentes cun gran despregue visual de maxia, teatro, mitoloxía e danza acrobática.



