Padrón aposta polo talento galego no Santiaguiño do Monte cun programa que une tradición e cultura

10 Xullo 2026

O Concello de Padrón deu a coñecer o programa das festas do Santiaguiño do Monte 2026, que se celebrarán entre o 17 e o 25 de xullo. O alcalde, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron unha programación gratuíta pensada para todos os públicos, na que conviven a tradición da romaría máis emblemática da vila con propostas musicais e culturais actuais.

O III Festival Ultreia volverá ser un dos grandes atractivos das festas. A cita reunirá artistas que representan o dinamismo da música galega contemporánea. O sábado 18 actuarán XMaseda e Kid Mount, dous nomes emerxentes da escena urbana da nosa comunidade que están a abrirse paso cunha proposta innovadora e no noso idioma. A programación musical culminará o venres 24 coa actuación de Mondra, unha das figuras máis recoñecidas do panorama musical galego, que chegará a Padrón coa súa xira A Ronda, un espectáculo que fusiona música, danza e tradición desde unha mirada contemporánea.

Xunto a esta aposta pola creación musical galega, o programa inclúe unha ampla oferta de actividades para todas as idades: o concerto de Uxía Lambona e a Banda Molona, teatro co Centro Dramático Galego, maxia co Mago Antón, circo con Antuán de la Cream, contacontos, espectáculos de rúa, a actuación do grupo folclórico Rosalía de Castro, a festa infantil con inchables e escuma e o tradicional Gran Derbi Asnal.

O Concello de Padrón mantén o Gran Derbi Asnal (sábado 24, ás 20.00 horas no paseo do Espolón) despois da enquisa realizada o ano pasado, na que o 68,4% das 408 persoas entrevistadas manifestaran que debía seguir celebrándose. Ademais, o 62,6% consideraron que a carreira de burros non podía ser cualificada como unha forma de maltrato animal.

Romaría do Santiaguiño

O punto culminante chegará o 25 de xullo coa romaría do Santiaguiño do Monte. A procesión ata o monte, as misas na capela, a popular sardiñada con reparto gratuíto de cachelos, pan de millo e bolos preñados, as actuacións dos grupos folclóricos e as actividades para a cativada volverán converter esta celebración nun dos grandes encontros populares do verán galego. O Concello habilitará, ademais, un servizo de transporte adaptado para facilitar a subida ao monte.

Durante a presentación, Anxo Arca destacou que o Santiaguiño do Monte “é unha celebración que representa a identidade de Padrón e que combina como poucas festas a forza das nosas tradicións cunha programación cultural de primeiro nivel”. Pola súa banda, Chus Campos puxo en valor unha programación “diversa, participativa e pensada para que veciñanza e visitantes gocen dunha semana de festa na que a música galega ten un protagonismo especial”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Fronteiras”. Xulio Xiz

“Fronteiras”. Xulio Xiz

Axiña fará catro anos que físicamente nos deixou Darío Xohán Cabana, pero segue entre nós coa obra que nos deixou, especialmente aos chairegos, marcados para sempre.Pensei en Darío estes días cando a invasión de Ceuta por milleiros de marroquís, nova marcha verde,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.