Os Premios Ramiro Carregal de Investigación Oncolóxica abren prazo para presentar candidaturas á súa XV edición

16 Xullo 2026

O Xurado dos premios Ramiro Carregal acaba de abrir a convocatoria para o XV Premio Internacional de Investigación Oncolóxica Científica e Técnica e para o VIII Premio a Talentos Emerxentes. Na reunión celebrada a pasada semana en Santiago de Compostela, o Xurado que preside o empresario e mecenas Ramiro Carregal acordou pechar o prazo de presentación de solicitudes o próximo 29 de xaneiro de 2027.

“Trátase dunha convocatoria moi especial, posto que é a décimo quinta edición destes Premios tan queridos para min”, sinalou o empresario e mecenas Ramiro Carregal, fundador da empresa ribeirá FRINSA.

O presidente executivo do xurado, o doutor Rafael López, destaca tamén este feito posto que “poucos certames destas características, nados do compromiso persoal dun empresario, chegan a cumprir os 15 anos de vida, o cal é unha dobre satisfacción, tanto polo exemplo que supoñen na nosa contorna como pola axuda e visibilización que supoñen para a investigación médica”.

Xunto cos dous presidentes, forman parte do Xurado desta décimo quinta edición a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; o decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, José Carreira; os exdecanos Julián Álvarez e Juan Gestal; o catedrático en Farmacoloxía da Facultade de Medicina Manuel Freire-Garabal e o Dr. Javier de Castro Carpeño, presidente da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM).

O veterano dos Premios de Investigación Ramiro Carregal chega á súa edición número 15 cunha relevante lista de galardoados entre a que se atopan nomes como Mariano Barbacid, José Baselga, Marisol Soengas, Carlos López-Otín, Eduardo Díaz-Rubio, Ana Lluch, Guido Kroemer, Luís Paz-Ares, Amparo Cano, Manuela Gago ou Emilio Alba, entre outros. Máis de 150 candidaturas de todo o mundo avalan un certame que trata de colaborar coa investigación oncolóxica básica e clínica e pór de relevo o importante papel que ten o mundo empresarial, e a sociedade en xeral, en ámbitos que supoñen avances substanciais para a humanidade. Unha vez máis o galardón principal está dotado con 30.000 euros.

Pola súa banda, o Premio destinado a Talentos Emerxentes, que este mesmo ano aumentou a súa dotación até os 15.000 euros, chega á súa oitava edición cunha lista de investigadores cuxa brillante traxectoria, a pesar da súa mocidade, supón unha esperanza para a investigación oncolóxica. Arkaitz Carracedo, José Tubío, Noelia Tarazona, César Serrano e Patricia Altea son algúns dos premiados nesta categoría destinada a menores de 45 anos.

Ambos os premios terán aberto o prazo de presentación de candidaturas para a súa nova edición até o venres 29 de xaneiro de 2027 ás 23:59 h. As propostas deberán conter un breve resumo do proxecto e as razóns que motivan a súa relevancia, ademais dos datos do candidato proposto referentes ao seu currículo, méritos e publicacións realizadas.

As solicitudes poderán enviarse por correo postal ou electrónico, ou subirse a través da propia web do certame. Na mesma páxina web pódese consultar as bases completas de ambos os Premios así como toda a información relativa aos mesmos. Durante o mes de febreiro de 2027 darase a coñecer o fallo do Xurado e nas semanas seguintes entregaranse os galardóns, como é habitual, nun acto solemne que terá lugar na capital galega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.