“Os fíos de Bayeux”. Xosé Antonio López Silva

14 Xullo 2026

Hai case mil anos, unhas mans anónimas de muller pasaron agullas e fíos de lá por un lenzo de liño para narrar a última invasión de Inglaterra, a de Guillerme o Conquistador, no 1066. Case setenta metros de bordado, máis de seiscentas figuras humanas, cabalos, naves, fortalezas, e mesmo o paso dun cometa. Unha crónica en imaxes. Estes días, o Tapiz de Bayeux acaba de cruzar o Canal da Mancha para ser exposto por primeira vez en chan inglés, no Museo Británico. A primeira vista, esas escenas, que narran a conquista normanda de Inglaterra e a caída do rei Harold na batalla de Hastings, semellan pertencer a un drama distante. Pero a historia, coma a literatura, raras veces transcorre en liña recta e as agullas da memoria nunca deixan de fiar en silencio.

Hastings leva tempo habitando en galego co latexo do mito. Álvaro Cunqueiro dedicoulle a Harold Godwinson un dos poemas máis conmovedores de Herba aquí ou acolá. Alí, entre unha noite de cinza, emerxe Edith Swanehals procurando entre os mortos no combate o seu amante. Cunqueiro fai que Edith comece un calado tecer cun fío branco tirado dos seus propios soñares para tapar os ollos do rei. Cando remata, está cega, pero sabe cal de todos os cadáveres é o seu Harold, aquel que facía cantar os reiseñores e prometéralle que envellecerían xuntos

pro ti máis lentamente

Este fío atravesou séculos. Dese amor tamén se ocupará Heinrich Heine, aínda que cunha versión máis carnal, atribuíndo o recoñecemento do cadáver de Harold a certas marcas secretas —unhas dentadas amorosas— que Edith deixara na pel do monarca a noite anterior á batalla.

En 1986, Xoán Bernárdez Vilar recolleu ese mesmo fío con No ano do cometa, unha magnífica novela histórica que recrea a invasión normanda cun alento literario que hoxe pide unha nova edición. Que a literatura galega mire cara a Hastings demostra que soubemos ler aquel desastre saxón e a vitoria normanda coma un espello do humano feito sempre de ambición, sangue e memoria.

A Europa do século XI non era un mapa ríxido de fronteiras, senón un tecido vivo que se construía no camiñar dos peregrinos, no rabuñar das plumas dos copistas e no rastro dos artesáns que viaxaban por un territorio marcado por camiños. Nesa inmensa arañeira de intercambios, Compostela non era o límite onde a terra morría no Atlántico; ao contrario, era un dos grandes nós que latexaba tanto cara aos teares políticos das relacións internacionais coma cara ao imaxinario cultural do continente.

Ás veces seguimos a pensar a historia do noso país como se estivese illada nun recanto brumoso, pero abonda con tirar dun fío para que a imaxe mude. Din as crónicas que Guillerme o Conquistador cabalgaba en Hastings sobre un corcel negro enviado polo rei de Galicia. Non se agasallaban cabalos por cortesía. Eran presentes diplomáticos, propios de relacións entre cortes que se recoñecían mutuamente.

O regreso do Tapiz a Gran Bretaña enfróntanos ás costuras do tempo e con el podemos seguir as liñas de lá que debuxan Hastings, Compostela, a nostalxia cunqueirá, a paixón de Heine ata ese cabalo escuro que galopa entre o Románico. Descubrín Hastings coa lectura de Bernárdez Vilar, ese 1986, cando o Halley volvía pasar por Europa igual que o fixera o ano da batalla. Os feitos históricos son os fíos, pero a literatura é a distancia que mellor nos amosa o seu debuxo.  —

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.