
A praza do Cantón da Leña acollerá o vindeiro 11 de xullo, ás 21.00 horas, o XIII Encontro de Música e Baile Tradicional da Pobra do Caramiñal, unha cita organizada pola Asociación Cultural Xiada que volverá reunir agrupacións de distintos lugares arredor da música e do baile tradicional.
A concelleira de Cultura, Patricia Lojo, presentou o cartel desta nova edición xunto a representantes da asociación organizadora e felicitou a Xiada polo traballo que realiza ao longo de todo o ano para manter vivas a música, o baile e as tradicións. Ademais, destacou que este encontro é xa unha cita consolidada dentro da programación cultural da vila.
Nesta edición participarán a Parranda La Aldea (Aldea de San Nicolás–La Palma de Gran Canaria), BMT Suevia (Porto do Son) e o grupo anfitrión, A.C. Xiada (A Pobra do Caramiñal), encargado de recibir ás agrupacións participantes.
Durante a presentación, Lojo subliñou o compromiso do Concello coa cultura tradicional e explicou que o apoio municipal vai máis alá da achega económica de 1.500 euros, xa que tamén colabora na organización do evento, facilitando os medios técnicos, os recursos materiais e o persoal necesarios para o seu desenvolvemento.
A concelleira tamén puxo en valor o esforzo que supón organizar unha actividade destas características e salientou a importancia da colaboración entre o tecido asociativo, as empresas colaboradoras e o Concello para facer posible este tipo de iniciativas.
O Concello da Pobra do Caramiñal anima á veciñanza e ás persoas que visiten a vila durante esas datas a achegarse á Praza do Cantón da Leña para compartir unha noite de música, baile e convivencia na que o patrimonio cultural será o gran protagonista.




